• Este ano 2025, o encargo recaeu na Confraría do Santísimo Cristo da Paciencia de Conxo.
• A presentación tivo lugar na Capela do Cristo da Paciencia, na Igrexa da Mercé.
• O domingo 5 de abril terá lugar o pregón da Semana Santa, a cargo de David Muriel Alonso, presidente da Xunta de Semana Santa de Medina del Campo.
Esta mañá a Xunta de Confrarías da Semana Santa de Santiago de Compostela presentou na Capela do Santísimo Cristo da Paciencia o cartel para este ano 2025. Ao acto asistiron Francisco José Prieto, Arcebispo de Santiago, Elisardo Temperán, Consiliario da Xunta de Confrarías, Ildefonso de Cámpaa Montenegro, Director do Plan Xacobeo, Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Beatriz Villegas Ramos, Adxunta a dirección de Turismo de Santiago, Jose A. Constenla e María Baleato, concelleiros do PP no Concello de Santiago, Jorge Rubal Pena, Comisario da UPA Xunta de Galicia e representantes da Xunta de Confrarías de Santiago e das confrarías que integran a Semana Santa compostelá.
Este ano foi a Confraría do Santísimo Cristo da Paciencia a encargada de realizar un cartel protagonizado pola imaxe superposta dos dous Cristos pertencentes á parroquia de Conxo, con sede na Igrexa da Mercé.
O Cristo que aparece en primeiro termo é o que procesiona o Martes Santo e o Dominica in albis, ademais de ser a imaxe que acompaña ao Viacrucis o Sábado de Paixón. Trátase dunha imaxe do Cristo Crucificado, atribuída ao escultor compostelán Maximino Magariños, que saíu en procesión por primeira vez en 1916, tal e como reza a imaxe da súa peana. En segundo plano, o cartel presenta unha ilustración do Cristo de Gregorio Fernández, que preside a capela do Cristo en Conxo. Esta imaxe participou no Viacrucis de Santiago ata o ano 1915, no que debido á súa deterioración, foi substituído pola actual imaxe procesional. Coas dúas imaxes, a confraría quixo plasmar o pasado e o presente da súa historia, tal e como destacou Mercedes Franqueira, a súa presidenta. “Non queriamos deixar de ter presente a imaxe que desde o principio orixinou toda esta aventura da confraría, o Cristo da Paciencia de Gregorio Fernández, unha talla preciosa e de gran realismo. Aparece en segundo plano, en degradado, para presentar aos dous Cristos; o titular e o que foi titular ata principios do século XX”.
No cartel tamén aparece a portada de Praterías da Catedral de Santiago, pola que a procesión do Cristo da Paciencia entra o Martes Santo e sobre a que aparecen representadas escenas da Paixón, así como o vermello das flores coas que se acompaña ao Cristo; rosas vermellas o Martes Santo e caraveis vermellos o domingo, cando o Cristo regresa á súa sede.
A Semana Santa de Santiago celebrarase do 11 ao 20 de abril, aínda que tal e como lembrou Mercedes Franqueira, o 27 de abril terá lugar a translación do Cristo da Paciencia á súa parroquia, durante a procesión de Dominica in albis.
Durante a súa intervención, a presidenta da Confraría do Santísimo Cristo da Paciencia anunciou que o pregón da Semana Santa de Santiago 2025 terá lugar o 5 de abril ás 18h, no Convento das Mercedarias. O pregoeiro será David Muriel Alonso, presidente a Xunta de Semana Santa de Medina del Campo. “Buscamos a alguén cunha experiencia de Semana Santa importante, con recoñecemento. A Semana Santa de Medina del Campo é de Interese Turístico Internacional”.
Pola súa banda, a presidenta da Xunta de Confrarías, María Elena Bernárdez, sinalou que este ano se propuxo que a confraría encargada do cartel puidese presentalo na súa sede, o cal deu a oportunidade de celebrar esta presentación na Capela do Cristo da Paciencia. Así mesmo, a presidenta manifestou a súa ilusión pola Semana Santa 2025, con “a esperanza de que este ano todas as procesións poidan saír e a xente nas rúas poida participar e gozar de elas”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.