A intervención na calzada que conecta a Domus coa estrada de Circunvalación permitirá soterrar os raís do tranvía e gañar espazo para crear unha dotación de 76 novas prazas de estacionamento, libres de pago
O plan de obras arrinca hoxe con dúas actuacións previas nos accesos ao lugar de Vío e na rúa Lázaro Cárdenas, entre Eirís e Pedralonga
O Concello acometerá nos vindeiros días unha nova quenda de traballos para renovar o firme nas Lagoas, a súa contorna e tamén na avenida Pedro Barrié de la Maza, actuacións que forman parte do plan anual de mantemento e conservación das estradas municipais.
A primeira grande intervención deste exercicio será precisamente esta, e levarase a cabo en catro fases diferenciadas. A primeira, no treito do Paseo Marítimo comprendido entre a Domus e a rotonda coa estrada de Circunvalación, bordeando As Lagoas, onde se actuará sobre o carril interior —actualmente bidireccional para o tráfico rodado—.
“A intervención seguirá o patrón das últimas xa executadas noutros tramos do Paseo como os Pelamios e a rotonda de Durmideiras con Santo Amaro. Estamos a apostar por un único carril de circulación en cada sentido, ampliando espazos para os percorridos ciclistas e das persoas corredoras na beira máis próxima ao mar, e gañando marxe de manobra no carril interior para ampliar as bolsas de estacionamento”, explicou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz.
No caso da intervención prevista entre a Domus e a estrada de Circunvalación, o Concello aproveitará a disposición da nova capa de aglomerado para soterrar os antigos raís do tranvía, “suprimindo así un punto negro no tocante ao esvaramento de vehículos en días de choiva ou humidade”. Manterase un carril de circulación en dirección á rotonda da estrada de Circunvalacióne, no espazo que ocupan actualmente os raís, crearanse un total de 76 novas prazas de estacionamento en liña, libres de pago e dunha lonxitude de 5 metros cada unha delas. Esta dotación servirá de reforzo ante as necesidades detectadas, por exemplo, nos usos e visitas ao Aquarium Finisterrae e á Domus.
“No outro carril, o que vai en dirección ao Matadoiro, xa se levaron a cabo tarefas de renovación do firme hai un ano. Agora, actuamos neste sector seguindo os estándares estéticos e de mobilidade que estamos a adoptar nas intervencións que imos executando, pouco a pouco, ao longo de todo o paseo”, indicou Díaz.
Pedro Barrié de la Maza, a cuarta e última fase prevista
Tras a intervención entre a Domus e a estrada de Circunvalación, o Concello actuará de seguido na calzada interior das Lagoas, desde o cruzamento coa rolda de Monte Alto ata a intersección con Manuel Díaz. E, xa posteriormente, os equipos de traballo desprazaranse á avenida de Hércules, onde está previsto intervir no treito que vai dende a rotonda da estrada de Circunvalación ata a que conecta coa rolda de Monte Alto e Faro Fisterra.
Será o paso previo á última e cuarta fase do plan de obras que se executará nesta quenda. Tras os traballos no Paseo e no oeste de Monte Alto, o Concello acometerá a renovación do firme nos carrís de Pedro Barrié de la Maza que van en dirección á rotonda de Salesianos. Os traballos executaranse, concretamente, no treito entre Modesta Goicouría e a Casa do Sol.
Vío e Pedralonga, punto de partida das actuacións previstas
Antes de actuar no Paseo Marítimo, os equipos de traballo que executarán as tarefas de mellora levarán a cabo dúas intervencións preliminares en Vío e Pedralonga.
A primeira delas, que comeza este martes, suporá a renovación integral do firme no principal acceso ao lugar de Vío desde o polígono de Pocomaco, en máis de 1.500 metros cadrados de superficie. Este luns xa se acometeron as tarefas preliminares, co desbroce das cunetas.
A continuación, será a quenda da rúa Lázaro Cárdenas, entre Eirís e Pedralonga, onde se acometerán tarefas de mellora no seu sector sur, o que dá saída directa á avenida de Montserrat.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.