Wednesday 22 de January de 2025

Javier Veiga e Xosé A. Touriñán protagonizan o ‘western’ da nova campaña turística da Coruña


A alcaldesa, Inés Rey, presentou a curtametraxe no Espacio Larra de Madrid: “Vimos a Fitur a ofrecer que se unan á nosa celebración, á nosa forma de vida”

O acto, no que se reuniron representantes da sociedade coruñesa, serviu tamén para conmemorar o 175 aniversario das Festas de María Pita

Luar na Lubre celebrou o seu 40 aniversario cunha actuación especial

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu este martes no Espacio Larra de Madrid a presentación da nova campaña de promoción turística da Coruña, enmarcada dentro da participación da cidade na Feria Internacional de Turismo, Fitur 2025, que se celebra esta semana en Ifema Madrid. A alcaldesa, que estivo acompañada polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, foi a encargada de dar a coñecer a nova campaña, que mantén o lema ‘Cultura de Vivir’.
A nova campaña inclúe unha curtametraxe dirixida e protagonizada polo cineasta e actor Javier Veiga. A ficción, que supera os tres minutos de duración, conta tamén coa participación de Xosé A. Touriñán e foi rodada en diferentes espazos da cidade. Baixo unha temática e estética ‘western’, a curtametraxe amosa cun ton humorístico as principais potencialidades turísticas da cidade, como a súa gastronomía marcada polo océano Atlántico, o seu patrimonio e a súa axenda cultural. “Estamos aquí para celebrar A Coruña, para seducir, e por iso no foro turístico máis importante de España vimos a ofrecer que se unan á nosa celebración, á nosa forma de vida, á nosa calidade urbana, natural e patrimonial, ao noso liderado económico e cultural, en definitiva, a nosa Cultura de Vivir”, sinalou a alcaldesa durante a súa intervención.

A curtametraxe, baixo o título ‘Al Noroeste del Oeste’, foi presentada ante unha boa representación da sociedade coruñesa, que se deu cita no Espacio Larra na véspera da presentación en Fitur da estratexia turística da Coruña para este 2025. A ficción poderase ver a partir deste mércores, cando será presentada no acto do Destino A Coruña en Fitur, na canle de YouTube do Concello da Coruña.
Ademais da nova campaña turística da Coruña, no acto tamén se conmemorou o 175 aniversario das Festas de María Pita, que naceron en 1850 por iniciativa do alcalde Juan Flórez. “As nosas festas, mentres que en outras cidades son como moito dunha semana, duran un mes e foron as primeiras de España que honraron a unha civil, a unha muller valente como María Pita”, sinalou Inés Rey. No Espacio Larra expuxéronse unha parte representativa dos carteis das Festas de María Pita e as persoas asistentes recibiron unhas láminas de tres carteis do século XIX, XX e XXI.

Carolina Iglesias, Luar na Lubre e gastronomía atlántica

O acto, que estivo presentado polo propio Javier Veiga, contou tamén coa presenza da coruñesa e pregoeira das Festas de María Pita do 2022, Carolina Iglesias, que fixo unha intervención coa súa Coruña natal como fío condutor. Ademais, o acto pechouse cunha actuación especial de Luar na Lubre, coa que celebraron o seu 40 aniversario como conxunto. A formación liderada por Bieito Romero interpretou varias cancións do seu repertorio.

Mentres, serviuse un ágape a cargo de cociñeiros e cociñeiras coruñesas, que levaron a Madrid diferentes receitas dos seus restaurantes. Estiveron presentes Luis Veira (Árbore da Veira), Ramón Rodríguez e Isabel Gesto (O Cabo), Gorka Rodríguez (A Pulpeira de Melide), Caco Agrasar (Salitre), Javier Freijeiro y Moncho Bargo (Pracer), Moncho Méndez (Millo Orzán) e Pablo Morales (Habaziro).
Durante a súa intervención, a alcaldesa púxoos como exemplo dun dos grandes valores turísticos da Coruña: a súa gastronomía atlántica. Ademais, Inés Rey tamén destacou outros moitos aspectos que fan da cidade o que é. Así, destacou o seu patrimonio, a súa natureza bañada polo océano, os seus museos e a súa actividade cultural. “A Coruña ten moito que ofrecer, todo o ano, dada a nosa aposta pola desestacionalización”, sinalou Inés Rey.

Sobre a curtametraxe e Javier Veiga

Ademais da súa faceta como actor, Javier Veiga conta cunha exitosa carreira como guionista e director, con máis de 250 premios en festivais nacionais e internacionais coas súas curtametraxes ‘Sálvame’ e ‘ De qué se ríen las hienas’. Entre as súas ficcións para televisión destacan ‘Pequeñas coincidencias’ e ‘Gym Tony’. En cine, ‘Amigos hasta la Muerte’ foi a súa ‘ópera prima’, gravada en Ourense e estreada no 2023. Neste 2025 ten previsto estrear, na vindeira edición do Festival de Málaga, a súa segunda longametraxe, ‘Playa de Lobos’, protagonizada por Dani Rovira e Guillermo Francella.

Deja un comentario