― A Xunta prevé licitar a execución das obras ao longo do exercicio
― Trátase da humanización do treito inicial desta vía, que inclúe a execución dunha senda peonil, a mellora de beiravías, do firme e da drenaxe
― Comunicaranse co núcleo de Agualada as vivendas dispersas situadas ao longo de estrada ata o punto quilométrico 0+750 mediante unha senda pola marxe dereita
― No tramo entre os puntos quilométricos 0+712 e 0+727, coincidindo co cruzamento sobre o Río Calvar, acometerase unha pasarela de madeira de 15 metros
A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Coristanco, Juan Carlos García, e pola directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire, visitaron a zona na que se vai a realizar o acondicionamento da estrada AC-421 na Agualada, que suporá un investimento de case 764.000€. O proxecto aprobouse recentemente no Consello da Xunta.
A delegada tamén informou na visita que se vén de aprobar o trámite de información pública e o informe das administracións afectadas.
A representante do Goberno autonómico adiantou que se prevé licitar a execución das obras ao longo do exercicio e ten un prazo de execución de 6 meses.
Belén do Campo, explicou que se trata dunha obra de humanización do treito inicial desta vía autonómica ao seu paso polo municipio coruñés, na que se inclúe a execución dunha senda peonil, a mellora de beiravías, do firme e da drenaxe. As actuacións consistirán na reorganización de espazos e a mellora dos pavimentos no tramo de travesía da AC-421 comprendido entre o punto quilométrico 0 e o 0+135, ampliando beirarrúas coa diminución do ancho de calzada e redistribuíndo as zonas de aparcamento, dando maior protagonismo ao peón.
O obxectivo da actuación é comunicar co núcleo de Agualada as vivendas dispersas situadas ao longo de estrada ata o punto quilométrico 0+750 mediante unha senda pola marxe dereita. Na actualidade, este tramo carece de beiravía ou beirarrúa, polo que con esta actuación perséguese o fomento da mobilidade sostible en condicións seguras.
Doutra banda, para mellorar a drenaxe da vía darase continuidade á cuneta formigonada existente no quilómetro 0+980 pola marxe esquerda ata as casas situadas no punto 0+750.
Ademais, entre os puntos quilométricos 0+712 e 0+727, coincidindo co cruzamento sobre o Río Calvar, acometerase unha pasarela de madeira de 15 metros de longo apoiada en estribos cargadeiro de formigón.
Tamén se levará a cabo a rehabilitación do firme entre os puntos quilómetros 0 e 0+980, no enlace coa autoestrada A Coruña-Carballo (AG-55), incluíndo a execución dunha cuneta de seguridade pola marxe esquerda entre os puntos quilométricos 0+750 e 0+980.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.