Wednesday 22 de January de 2025

O Concello de Fene inicia as obras de mellora do abastecemento en Tellerías


Esta actuación, considerada de “máxima prioridade”, contempla a substitución da rede actual por materiais máis eficientes e duradeiros

As obras, financiadas polo POS+ 2023, foron adxudicadas por 53.500 euros e estarán finalizadas en 3 meses

O Concello de Fene continúa avanzando na mellora da súa rede de abastecemento, co inicio esta semana dos traballos en Tellerías. Unha actuación que contempla a substitución das actuais tubaxes de fibrocemento, que presentan un notábel deterioro, por conducións de polietileno de alta densidade, un material máis resistente eficiente que mellorará a calidade do subministro para as 18 vivendas da zona.

As actuacións inclúen a instalación das novas tubaxes, conexións coas redes municipais existentes, a creación de válvulas de paso para facilitar a xestión da rede e a reposición dos pavimentos afectados pola intervención. Durante o proceso, implementaranse medidas de seguridade específicas, minimizando o impacto no tráfico rodado, que será debidamente sinalizado.

O concelleiro de obras, Manuel Polo, indicou que esta obra foi considerada “de máxima prioridade” no ‘Estudo para a mellora da rede de abastecemento municipal’ realizado polo goberno local no verán do ano pasado. “Unha actuación necesaria para modernizar as nosas infraestruturas e ofrecer un servizo básico en ópticas condicións”, indicou Polo, quen tamén destacou a elección de materiais máis modernos e duradeiros, respondendo a unha aposta pola eficiencia e a sustentabilidade. “Esta actuación permitirá evitar perdas de augas e garantir unha rede de abastecemento máis fiábel e adaptada ás necesidades actuais”, concluíu.

Esta actuación forma parte dunha estratexia máis ampla do Concello de Fene para avanzar na mellora dos 7.746 metros da rede de abastecemento nos que é preciso actuar de forma prioritaria. De feito, en paralo ás obras en Tellerías, está en marcha outra actuación similar na rúa Travesa e Camiño do Inferniño, iniciada a semana pasada. “Son investimentos custosos, pero imprescindíbeis para avanzar na modernización dunha rede que ten unha idade media de corenta anos”, sinalou o goberno local.

As obras de mellora da rede de saneamento en Tellerías foron adxudicadas por 53.500 euros, que serán financiados a través do Programa POS+2023 da Deputación da Coruña. Estarán rematadas nun prazo non superior aos tres meses.

Deja un comentario