Wednesday 22 de January de 2025

O Concello potenciará os seus servizos sociais con 49.000 euros engadidos grazas á obtención de subvencións da Deputación


 O traballo do equipo de goberno e do persoal municipal fixo que Paderne fose seleccionado para tres liñas de axudas por concorrencia competitiva

 O financiamento cobre a compra dun vehículo, o gasto en persoal técnico de igualdade de xénero e o proxecto de Envellecemento Activo

 Paderne foi o terceiro concello con máis nota entre os 20 que presentaron a súa proposta para adquirir un vehículo

O Concello de Paderne vén de conseguir 49.000 euros para reforzar os seus servizos sociais. Fíxoo a través da obtención do financiamento ofrecido a través tres liñas de subvencións da Deputación da Coruña. A entidade provincial, a través de procesos de concorrencia competitiva, concedeu a Paderne as tres axudas, que supoñen unha importante inxección para esta área, prioritaria para o goberno local.
Por unha banda, Paderne acadou 20.000 euros para a adquisición dun vehículo para o seu persoal de Servizos Sociais. O padernés foi o terceiro concello con maior puntuación de entre a vintena de entidades locais presentadas, o que lle permitiu conseguir unha das cinco axudas ofertadas. A compra do vehículo permitirá ao Concello de Paderne dispor dun novo recurso, fundamental en municipios eminentemente rurais e de poboación dispersa.
Por outro lado, o Concello tamén obtivo 7.000 euros destinados a financiar o seu proxecto de envellecemento activo. A través desta achega económica, Paderne poderá minimizar a carga que supón este servizo para maiores de 64 anos do municipio nas arcas municipais.
Por último, a subárea destinada á igualdade entre mulleres e homes contará con 22.000 euros, o que permitirá subvencionar de mellor xeito a remuneración de persoal técnico de Igualdade de xénero ao longo deste ano 2025. Nesta convocatoria, Paderne obtivo tamén a máxima cantidade, que cobre o total do proxecto presentado.
“Estas achegas de case 50.000 euros supoñen un importante pulo para o Concello de Paderne e os seus servizos sociais. A nosa aposta por esta área non é só de palabra, senón que a demostramos con estes feitos, captando financiamento que nos axude a seguir mellorando as prestacións á nosa veciñanza”, explicou a edil de Igualdade e Benestar Social, Marisa Abrodos.
Pola súa banda, o alcalde de Paderne, Sergio Platas, subscribiu as palabras da súa compañeira no equipo de goberno e recalcou “a implicación e o traballo do persoal municipal para presentar estes proxectos que obtiveron a máxima puntuación a través dun proceso de concorrencia competitiva obxectivo”. “Sen ese bo facer do plantel municipal non teríamos conseguido esta importante cantidade”, recalcou Platas.

Deja un comentario