A intervención, valorada en 510.000 euros, será subvencionada nun 50 % pola Xunta de Galicia.
O xoves da semana que vén celebrarase a primeira sesión ordinaria do Pleno do ano 2025, á que serán elevados unha serie de asuntos que nos próximos días se someterán aos correspondentes ditames das Comisións Informativas.
Unha das cuestións de maior relevancia consistirá na proposta de aprobación do convenio co Concello de Arteixo para a execución conxunta da obra que permitirá acometer melloras na rede viaria e crear a rede de saneamento no núcleo da Esquipa, que é limítrofe entre ambos municipios, pertencendo a parte larachesa á parroquia de Lendo.
A Laracha delegará en Arteixo a licitación do proxecto e o procedemento de contratación das obras dado que a maior parte da intervención afectará ao seu territorio. Sen embargo, a totalidade das actuacións beneficiarán á veciñanza de ambos termos municipais por tratarse de intervencións que mellorarán os equipamentos e servizos da Esquipa, facendo ese núcleo de poboación máis accesible, sostible e respectuoso co medio ambiente. Contémplase levar o servizo de saneamento mediante a creación da rede de sumidoiros e dunha estación depuradora de augas residuais. Ademais, vai ser ampliada a plataforma da calzada e mellorada a estrada.
O proxecto está valorado nun total de 510.000 euros e será subvencionado nun 50 % pola Xunta de Galicia a través do Fondo de Cooperación Local para investimentos de carácter estratéxico da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes. Dado que o 75 % das obras afectan ao termo municipal de Arteixo, tamén se distribuirán os custes a asumir polos Concellos con esas mesmas proporcións, polo que á Laracha lle corresponderá achegar 63.436,75 euros.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.