A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a concelleira de Turismo, Míriam Louzao, participarán esta semana en FITUR co obxectivo de pór en valor a aposta do Goberno municipal por un “turismo de calidade” que permita a “convivencia harmónica entre persoas residentes e visitantes”. Ademais de encontros con profesionais do sector e a participación na Asemblea do Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade e noutros eventos, a delegación compostelá presentará a campaña “Compostela con tempo. Santiago con todo” que busca fomentar a desestacionalización do turismo, o incremento da duración das estadías e a diversificación dos fluxos.
Míriam Louzao presentando a campaña “Compostela con tempo. Santiago con todo”
A concelleira de Turismo, Míriam Louzao, avanzou esta mañá en rolda de prensa a campaña “Compostela con tempo. Santiago con todo” que o Concello de Santiago presentará este xoves 23 de xaneiro ás 13 horas en FITUR e “que marca o inicio dunha promoción turística de longo percorrido que imos desenvolver paulatinamente ao longo deste mandato”.
Segundo explicou Míriam Louzao, “o lema “Compostela con tempo. Santiago con todo” sintetiza a nosa declaración de principios a respecto de como enfocar a promoción turística” baseada “nun modelo alternativo ás visitas superficiais, de curta duración, estandarizadas e que adoito perpetúan tópicos e estereotipos”.
A concelleira recordou que o Goberno municipal leva desde o inicio do seu mandato abordando este desafío “desde varias frontes, e unha delas, que non é menor, implica tamén un cambio consciente na maneira de comunicar”. Así, Míriam Louzao recordou o lanzamento o ano pasado en FITUR do Código de Boas Prácticas da campaña Fráxil, “que nos posicionou como un destino que aposta polo ‘autocoidado’, a sustentabilidade e pola calidade das experiencias turísticas”.
Nesta mesma liña, defendeu un modelo “que harmonice a presenza de turistas coa vida cotiá da veciñanza”, levando “o selo da planificación, do coñecemento, da posta en valor da singularidade de cada lugar, e da cultura e da identidade locais”.
“Compostela con tempo. Santiago con todo”
A campaña pon en valor a importancia do TEMPO para “unha experiencia turística de calidade”. “Do mesmo xeito que as persoas de Compostela levamos como un sinal de identidade e de boa educación que cando imos á casa de alguén levamos un presente, non imos coas mans baleiras, aquí tamén queremos que cando as persoas veñan visitarnos, a esta nosa casa que é Compostela, nos traian un presente, e ese presente que queremos é TEMPO”, explicou Míriam Louzao.
Esta nova campaña que se irá desenvolvendo en diferentes ‘episodios’ ao longo do ano, convida ás persoas visitantes a contar con “Tempo para estar, para gozar, para explorar, para probar, e para coñecer” que lles permita explorar “TODO” o que ofrece Compostela máis alá da améndoa da cidade histórica: o patrimonio natural, a oferta cultural, o comercio local ou outros lugares emblemáticos da nosa historia como o Castelo da Rocha, por exemplo.
O Goberno municipal pretende con esta campaña “fuxir da mensaxe instantánea e efémera” apostando por acadar obxectivos enfocados na desestacionalización, no incremento da duración das estadías e na diversificación dos fluxos turísticos.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.