Tuesday 21 de January de 2025

O Concello de Ribeira saca a poxa pública 12 prazas de garaxe e 14 rochos Ribeira, 20 de xaneiro.


O Concello de Ribeira saca a poxa pública por un prezo total inicial de 130.105 euros un total de 12 prazas de garaxe e 14 rochos que son da súa propiedade despois de que lle foron adxudicados en concepto de pago de débedas en período executivo. Segundo se indica no prego das condicións da devandita licitación, nove desas prazas de garaxe sitúanse no edificio número 12 da Rúa Xohana Torres, mentres que as outras tres están no soto do edificio número 45-B da Rúa Alcalde Fernández Bermúdez. No caso dos rochos, sete están no edificio 12 de Xohana Torres e os sete restantes no número 44 da Rúa Cristóbal Colón.

O prezo de saída de cada unha das prazas de garaxe varía, dende os 8.022 a máis barata até os 11.360 euros, mentres que os dos rochos varía entre 490 e 1.553 euros. As persoas propietarias interesadas neste procedemento de alleamento mediante poxa dos bens inmobles poden presentar as súas proposta ata as 23.59 horas do 3 de marzo a través do Sistema de Licitación Electrónica dá Xunta de Galicia para empresas e no rexistro municipal para persoas físicas. A venda realizarase en concepto de “corpo certo”, polo que se entende que o adxudicatario coñece as circunstancias físicas e xurídicas nas que se están esas propiedades, polo que non se poderá reclamar por razón de diferenza de superficie, nin como consecuencia das cargas ou outras condicións que lles afecten, como o seu estado de conservación.

Cada licitador poderá presentar proposicións até un máximo de 10 prazas de garaxe e rochos que desexe por orde de preferencia, tendo en conta que non poderá ser adxudicatario de máis de dúas prazas de garaxe e dous rochos, salvo que non se presenten outras ofertas ás mesmas. Ademais, unha mesma persoa non poderá presentar, no seu nome propio, máis dunha proposición, xa concorra de forma individual ou conxuntamente con outras, e o incumprimento desa prohibición supoñerá a inadmisión de todas as propostas por el subscritas.
A concelleira de Facenda, Herminia Pouso manifestou “que a recadación da poxa adicarase ao finanzamento de investimentos”.

Pola súa banda, o alcalde de Ribeira declarou que “esta iniciativa xorde de comprobar como estas prazas de garaxe e rochos non estaban sendo utilizados pola Administración Local polo que se decidiu poñelos á venda”. Segundo informou Pérez Barral, isto permite ao Concello “optimizar os seus recursos e ofrecer á cidadanía a oportunidade de adquirir inmobles a prezos competitivos. Convidamos a todas as interesadas a participar neste proceso de subasta, que se realizará coa transparencia e equidade necesarias.”

Deja un comentario