O Concello de Ribeira anuncia con satisfacción a inauguración do novo Centro Social de Carreira, un espazo deseñado para satisfacer as necesidades sociais e culturais da veciñanza desta parroquia. O acto de apertura terá lugar o vindeiro domingo 26 de xaneiro ás 13:00 horas nas instalacións do propio centro social.
O evento contará coa participación musical dos grupos locais “Pandereteiras de Carreira”, Airiños da Guía e do acordeonista Yago Romero, nunha celebración que promete destacar o talento e a riqueza cultural da parroquia. Ademais de todo isto, a Asociación de Veciños de Carreira vai preparar unha exposición de fotografías antigas da parroquia.
O alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, destacou a importancia desta apertura para a comunidade; “a veciñanza levaba moito tempo agardando, máis de 13 anos, por este centro social, un proxecto necesario que por fin vai ser unha realidade. Este espazo está pensado para ofrecer un servizo esencial á poboación de Carreira, favorecendo a convivencia veciñal e converténdose nun punto de referencia para a promoción cultural. Estou seguro de que será un lugar cheo de vida, onde se reforcen os lazos sociais e se potencien as iniciativas culturais.”
Dende o Concello apuntan en que tamén se está a piques de sacar os pregos para licitar a concesión administrativa do espazo da cantina do Centro Social para que nas próximas semanas calquera persoa que así o desexe poida optar a poñer en marcha ese espazo.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.