Monday 20 de January de 2025

O BNG de Oleiros levará ao pleno de xaneiro as queixas existentes sobre incumprimentos da empresa concesionaria da limpeza en determinados centros públicos do Concello


Durante o ano 2024 tivo lugar o concurso público para o servizo de limpeza de Centros Públicos do Concello de Oleiros. Este concurso foi dividido en varios lotes. Cómpre lembrar ademais, que a limpeza en determinados centros públicos do Concello como por exemplo a propia Casa do Concello, Facenda ou a Policía Local son xestionados directamente con medios públicos. Porén na grande maioría dos centros a xestión vén da man de empresas privadas, que após os procesos públicos oportunos deveñen en concesionarias.
A empresa concesionaria que dende setembro do ano pasado se fixo cargo da limpeza en determinados centros públicos como poden ser as bibliotecas , concellarías, A Fábrica… está a ser obxecto de queixas continuadas pola deficiente prestación deste servizo fundamental.
durante todo este período estanse a detectar problemas, como poderían ser: falta de material para o desenvolvemento axeitado do traballo, non provisión de roupa e calzado o cadro de persoal, escaseza no subministro de papel e outros, non existencia de caldeiros para depósito de materiais de hixiene íntima feminina….
Perante estas incidencias cuxas eivas afectan conxuntamente a traballadores/as da empresa, a toda a veciñanza usuaria dos diversos servizos municipais e o propio cadro de persoal que desenvolve o seu traballo nestes centros, o BNG levará ao pleno ordinario de decembro esta situación solicitando ao Goberno local no seu caso, que esixa á concesionaria o cumprimento destas presuntas inobservancias e no seu caso o cumprimento de todas as súas obrigas contractuais, alén do control sobre a mesma de cara a evitar posíbeis futuros incumprimentos.
Dada a boa marcha e funcionamento do servizo de limpeza nos centros públicos do Concello onde este é prestado directamente pola administración, fronte ás queixas e problemas detectados onde a xestión é prestada por unha concesionaria privada, tiraremos proveito para pedir unha xestión da limpeza en todos e cada un dos centros públicos municipais, directamente con medios propios do Concello de Oleiros.

Deja un comentario