O concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda fixo balance esta mañá dos novos avances que está a experimentar o Plan. A semana pasada, activouse a subasta pública do número 3 da rúa Damas, na Cidade Vella
O concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, fixo balance este luns dos avances que está a experimentar o Plan Municipal para a Recuperación de Ruínas, unha medida posta en funcionamento polo Goberno de Inés Rey para dar solucións máis áxiles ao estado de abandono no que se atopan algúns edificios, soares e inmobles da cidade.
Na rolda de prensa desta mañá, Díaz Gallego lembrou que “dos oito edificios en ruínas incluídos na nosa folla de ruta inicial, que estiveron sen movemento algún nos últimos anos, xa activamos tres procesos de subasta, outro obtivo licenza de rehabilitación sen necesidade de saír a venda forzosa, hai outros dous edificios con informes de viabilidade na Comisión do PEPRI e hai un a expensas de decisión xudicial”.
O concelleiro expuxo que o procedemento é complexo e particular para cada un dos expedientes que están sobre a mesa, por tratarse de propiedades privadas que, en algúns casos, sofren deterioro ou desleixo pola inacción dos seus donos, e, a miúdo, tamén pola falta de acordo entre herdeiros para asumir a súa conservación e mantemento.
Con todo, a semana pasada deuse un novo pulo ao Plan, co inicio do proceso de subasta pública do inmoble situado no número 3 da rúa Damas, na Cidade Vella. Así se notificou o pasado luns 13 de xaneiro no Boletín Oficial da Provincia (BOP), cando se abriu un prazo de información pública de 30 días hábiles, para que as posibles persoas compradoras se informen do estado do edificio, que data do ano 1900, e a propiedade se manifeste ao respecto ao longo deste período.
Díaz Gallego lembrou que, tras a publicación deste trámite, hai tres meses para subastar o edificio. “Xa estamos traballando nos pregos, que se están a ultimar”, indicou. A subasta do inmoble iníciase en algo máis de 110.000 euros, e as ofertas deberán efectuarse á alza sobre esta cifra. Se a poxa quedase deserta, habería unha segunda subasta rebaixando ese valor nun 25%, tal e como marca a lei. E, se novamente non houbese ofertas, o Concello tería a posibilidade de adquirir o edificio por un 75% do importe inicial.
“Como apuntou a alcaldesa, Inés Rey, cando se presentou esta medida, os edificios abandonados poden ser focos de inseguridade e insalubridade, e tamén afean esteticamente a cidade”, apuntou o concelleiro, que subliñou a importancia de actuar .
O obxectivo: garantir a rehabilitación de edificios en abandono
Dos expedientes restantes incluídos no Plan Municipal de Recuperación de Ruínas hai dous con anteproxectos xa presentados á Comisión PEPRI para a súa rehabilitación: os do número 130 da rúa Orzán e do 140 da rúa San Andrés. A estes dous súmase o 72 da rúa Orzán, que xa conta con licencia de rehabilitación outorgada por parte do Concello. A previsión é que o futuro edificio conte con catro novas vivendas.
No número 4 da rúa Pastoriza xa se iniciou a tramitación da súa venda forzosa, cunha declaración de incumprimento das obrigas de conservación, con data de outubro do ano pasado. No referente ao soar ubicado no número 6 da rúa Herrador, tamén no barrio da Pescaría-Orzán, Díaz Gallego explicou esta mañá que “xa se iniciou a súa venda forzosa, estando agora paralizada xudicialmente pola propiedade. Estamos á agarda, pois, do ditame do xulgado. En todo caso, xa había compradores interesados, polo que esperamos que se desbloquee”.
O número 8 da rúa Santa Lucía, onde o Concello tivo que actuar de forma subsidiaria ante o desleixo da propiedade —acometendo a finais de 2022 unha demolición parcial da súa estrutura—, está pendente de venda por parte da administración xudicial.
A día de hoxe, do plan inicial estipulado polo Concello, só resta por reactivar o expediente do número 202 da rúa Orzán, sen movemento algún por parte da propiedade.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.