Monday 20 de January de 2025

Belén do Campo destaca a boa acollida das axudas da Xunta a concellos e particulares para a corrección de impactos urbanísticos


A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático convocou por quinto ano esta orde de subvencións que conta cun orzamento de dous millóns de euros

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño, e polo director do Instituto de Estudos do Territorio, Enrique Luis de Salvador, visitou as intervencións realizadas neste Concello, que consistiron na renovación de acabados exteriores da escola unitaria de A Piolla, o remate e acabado exterior da cuberta da reitoral de Ameixenda e o acondicionamento da fonte da Mata, realizadas ao abeiro da orde de axudas do ano pasado para actuacións de corrección de impactos urbanísticos dirixida a concellos e particulares.
Estas axudas contan no 2025 cun orzamento de 2 M€ para toda Galicia, un millón de euros para concellos e outro millón de euros para particulares. En canto ás entidades locais, terán á súa disposición un máximo de 40.000 euros (20.000 euros por cada liña) para actuar en edificios e dependencias de servizos municipais —liña 1— ou en construcións, equipamentos públicos e bens do patrimonio etnográfico local —liña 2— que polo seu aspecto ou deterioro provoquen unha distorsión na contorna onde se localizan.
En concreto, poderán acometer obras de índole menor que melloren o aspecto e conservación de elementos etnográficos como fontes, lavadoiros públicos, palcos de música e hórreos, ou ben incidir na renovación e remate exterior de fachadas, cubertas e muros de cerramento de edificios municipais.

A delegada lembrou que nesta nova convocatoria os particulares poderán recibir ata 3.000 euros para actuar sobre fachadas (o tipo de actuación máis solicitada), cubertas e muros de peche pero tamén se financiará a retirada de elementos adxacentes aos bens nos que se vaia intervir cando prexudiquen a súa imaxe ou causen algún tipo de impacto.

Axudas por preto de 9,6 M€
No marco das catro convocatorias anteriores, a Xunta xa apoiou a 116 entidades locais e a 2.170 particulares na execución de 2.425 obras e actuacións que contribuíron a fomentar a cultura do fermosismo nun total de 283 concellos, o que representa case o 91% dos municipios galegos.

Ademais, as axudas concedidas suman preto de 9,6 millóns de euros aínda que o investimento total mobilizado neste período achégase aos 14 millóns tendo en conta que tanto os concellos como os particulares beneficiados tiveron que completar, cun 30%, as axudas con fondos propios para poder cubrir o 100% do orzamento das obras.

Nesta liña, o director do Instituto de Estudos do Territorio, Enrique Luis de Salvador lembrou que “desde a posta en marcha destas axudas, en 2021 e ata o 2024, levamos realizadas 255 actuacións en concellos e outras 2.170 coas achegas a particulares”.

Pola súa banda, Belén do Campo subliñou que, “o obxectivo para esta nova convocatoria será chegar ao 100% de Galicia para lograr que a aposta da Xunta polo fermosismo a través da sensibilización cidadá e da colaboración con outras administracións públicas se estenda polo conxunto da comunidade”.

Nesta mesma liña, , a representante do Goberno autonómico destacou a boa acollida que teñen estes apoios e puxo como exemplo que na provincia da Coruña realizáronse, no 2024, 112 actuacións por particulares e 24 por concellos de 40 municipios por un importe de case 604.000 euros e, concretamente, na comarca de Bergantiños-Costa da Morte, levaronse a cabo 4 obras en concellos de Cabana de Bergantiños e Cee por un importe de máis de 44.500 euros e 20 intervencións por particulares dos concellos de Cee, Coristanco, A Laracha, Muxía e Zas, por un importe de máis de 59.400 euros.
A delegada destacou a importancia de apoiar tanto aos concellos como aos veciños neste tipo de actuacións de conservación e puxo en valor a aposta decidida do Goberno galego por seguir fomentando o fermosismo e a protección da paisaxe en toda a comunidade autónoma con axudas como estas que acadan a súa quinta convocatoria.

Deja un comentario