Monday 20 de January de 2025

A Aula CeMIT de San Sadurniño organiza un curso de iniciación á impresión 3D


A aula dispón de dúas impresoras que a veciñanza tamén pode utilizar para os seus proxectos, previa solicitude

A Aula CeMIT de San Sadurniño ten previsto levar a cabo os tres próximos mércores, incluído o desta semana, un obradoiro ben interesante que nos permitirá iniciarnos na impresión en 3D, unha tecnoloxía cada vez máis evolucionada e barata coa que é posible facer na casa todo tipo de cousas, como por exemplo figuriñas a escala, obxectos de uso cotián e incluso pezas para construír equipos ou para substituír outras avariadas e que sexan difíciles de atopar no mercado. Ademais, arredor da impresión 3D existe toda unha comunidade colaborativa que intercambia planos, técnicas e coñecemento das que se pode tirar moito partido na vida diaria co obxectivo de potenciar a nosa creatividade e tamén a nosa produtividade. Para participar neste obradoiro, que se desenvolverá os días 22 e 29 de xaneiro e 5 de febreiro en horario de 11:00 a 13:00h fai falla inscribirse no correo cemit.sansadurnino@xunta.gal ou no teléfono 616 016 793.

Este curso está ensinaranos como usar unha impresora 3D de forma práctica e divertida, ofrecendo unha introdución completa a esta tecnoloxía innovadora que tamén leva varios anos entre nós e que mellora día a día a pasos axigantados, con aplicacións na enxeñaría, na arte, no ámbito doméstico e incluso na medicina.

As persoas participantes deste obradoiro terán a oportunidade de aprender a crear obxectos tridimensionais, o que lles permitirá explorar novas posibilidades creativas e profesionais. Ademais, a experiencia práctica adquirida será de gran valor para aquelas persoas que desexen profundar máis nesta tecnoloxía, cada vez máis precisa e tamén máis barata. A pouco que busquemos en tendas de informática ou de aparellos electrónicos de consumo atoparemos que hai equipos desde os pouco máis de 150 euros dos máis básicos -ideais para ir empezando- até os 700 (ou máis) dos que xa ofrecen prestacións profesionais pola súa velocidade de traballo e pola precisión do acabado que ofrecen.

Porén, a quen lle guste ou queira probar antes de facer ningún investimento, debe saber que a Aula CeMIT de San Sadurniño ofrece un servizo de impresión gratuíto poñendo a disposición da veciñanza dúas impresoras ENDER 3. Para poder utilizalas hai que solicitalo contactando coa aula por teléfono ou whatsapp. É requisito indispensable darse de alta como persoa usuaria da Rede CeMIT -un trámite sinxelo e sen custe ningún-, ademais de achegar o modelo dixital que queiran imprimir e tamén o filamento plástico PLA que alimenta o sistema.

Para máis información sobre este novo servizo e para reservar praza no curso de Impresión 3D, fai falla chamar ou mandar unha mensaxe ao 616 016 793. Outra opción é enviar un correo cemit.sansadurnino@xunta.gal.

Deja un comentario