A sesión celebrarase este luns 20 ás 20.00 horas no auditorio do Centro Sociocultural Ágora
Este luns, 20 de xaneiro, celébrase a primeira sesión do ano de Poetas Di(n)versos, que se celebrará, como é habitual, no auditorio do Centro Sociocultural Ágora ás 20.00 horas, con entrada de balde ata completar capacidade. O evento que está organizado e conducido pola Premio Nacional de Poesía do 2023, Yolanda Castaño, e promovido polo Goberno de Inés Rey contará coa poeta suíza Jessica Zuan e o poeta asturiano Miguel Rodríguez Monteavaro.
A poeta suíza Jessica Zuan naceu en 1984 e medrou en Sils Maria, na comarca da Alta Engadina. Ata a data, a autora publicou tres poemarios escritos na lingua retorrománica –tamén coñecida como romanche– e máis concretamente na variedade dialectal do val do que ela provén. As ditas obras son L’orizi / La tempête (Samizdat, 2017), Stremblidas e s
chima (Chasa Editura, 2019) e Launa da pavagls (Chasa Editura, 2019).
As súas obras foron traducidas ao alemán, ao francés e ao catalán, e algúns poemas soltos traducíronse tamén ao galego, éuscaro, romanés, polaco, estoniano, inglés e italiano. Para alén diso, cómpre dicir que Zuan publica regularmente en revistas e antoloxías, e que exerce como co-redactora da revista romanche La Litteratura.
Artistas como Astrid Alexandre, Martina Linn, Bruno Pedretti e Artem Pervushin converteron poemas de Jessica Zuan en cancións. Finalmente e no que respecta a premios, no pasado 2024 a poeta foi galardoada tanto co Premio de literatura dos Grisóns coma co Premi Nollegiu en Barcelona (na categoría de mellor poemario traducido ao catalán).
Por outra banda, Miguel Rodríguez Monteavaro (Bual, 1990) vén da Asturias galegofalante e é poeta, músico e doutor en Investigacións humanísticas pola Universidade de Oviedo,onde actualmente traballa como investigador. Publicou sete libros de poesía, entre os que cabe salientar Trenta razois pra nun medrar (2010), o bilingüe Oi, que dice mamá que volvas/Hey, mom says come back (2023) ou Cortar pescado en Manila (2024) que acaba de facerse co Premio Afundación.
A partir do seu poemario A lluz, Orión e a nova lluz (Disbauxa, Barcelona, 2024) desenvolveu unha performance de poesía expandida: oralidade sobre unha base sonora e visual. Gañou premios literarios, concursos públicos e residencias como o Asturias Joven de Poesía (2019), I Premio Ría del Eo de Poesía (2021), Residencia Asturies (2021), Residencia Artes Escénicas Laboral Ciudad de la Cultura (2022) ou Premio Xuan María Acebal (2024), entre outros. Ademais, en 2023 conseguiu unha Axuda á Creación Literaria do Principado de Asturias e o primeiro posto en poesía nas Subvencións á Creación do Ministerio de Cultura de España.
Monteavaro dirixe o Ciclu de Poesía QED en Oviedo e os seus poemas, escritos orixinalmente en galego e en asturiano, foron traducidos ao castelán, inglés, francés, chinés, sueco, polaco, swahili, canarés e occitano. Ademais, participou en festivais e recitais poéticos en Polonia, Alemaña, México, Honduras, India e Kenya, entre outros países.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.