Sunday 19 de January de 2025

Carballo, presente nos dous grandes eventos dos sectores turístico e gastronómico que se celebran este mes en Madrid


O pan de Carballo “viaxará” polo mundo desde o stand da Deputación da Coruña en Fitur, e dúas empresas locais acoden a Madrid Fusión

Carballo terá presenza, a través da Deputación da Coruña, nos dous grandes eventos para profesionais dos sectores turístico e gastronómico que se celebran neste primeiro mes do 2025 na capital do Estado: Fitur, do 22 ao 26, e Madrid Fusión, do 27 ao 29.

Na Feira Internacional de Turismo, a máis importante do sector que se celebra no Estado, o pan de Carballo ocupará un lugar destacado na presentación da nova campaña de promoción impulsada desde a Deputación polo seu vicepresidente, Xosé Regueira, responsable tamén da área de Turismo tanto a nivel provincial coma local. “Fitur 2025 marcará un fito moi importante, pois alí lanzaremos a nosa nova campaña de turismo, que pon o foco na gastronomía e no territorio”. Segundo explicou, a campaña está aliñada coa estratexia de turismo sostible da Deputación, promovendo a preservación do medio ambiente e impulsando o sector agroalimentario como elemento clave para un turismo de calidade. Regueira resaltou tamén que a campaña será “innovadora e inesperada, sen deixar a ninguén indiferente”.

Na presentación do proxecto “A Coruña, turismo sostible”, prevista para o primeiro día de Fitur ás 13.00 horas, farase entrega dunhas bolsas promocionais que levarán un molete de pan de Carballo.
Ao día seguinte, o noso concello volverá ter protagonismo na xuntanza da Rede de pobos do surf, que aproveitará a celebración de Fitur para reunir aos concellos que a integran: Getxo (Euskadi), Ribamontán al Mar (Cantabria), Castrillón (Asturias) e a Mancomunidade da comarca de Ferrol e Carballo, en Galicia. O obxectivo desta rede, que conta xa con imaxe propia e segue avanzando nos proxectos previstos, é a xestión sostible do turismo de surf dun xeito integral, fomentando a protección das ondas e da costa e a súa regulación, promovendo o patrimonio cultural e creando novos produtos turísticos que contribúan á desestacionalización.

Ademais do concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Regueira, nestes dous eventos de Fitur estará presente a técnica de Turismo do Concello de Carballo, Maite Parga, que o día 27 tamén asistirá a Madrid Fusión, que celebra o seu 30º aniversario cun programa excepcional que pon en valor a restauración, a gastronomía e o produto local. Carballo estará representado na cita por dúas empresas que comparten ese espírito de Madrid Fusión: Costumes, que se dedica á elaboración de empanadas artesás e que ten a súa sede no polígono de Bértoa, e La Despensa D’Lujo, que comercializa produtos agrícolas de primeira calidade desde Carballo.

Deja un comentario