Sunday 19 de January de 2025

Arrincan no IES Alfredo Brañas os talleres sobre prevención da violencia de xénero no contexto dixital organizados polo CIM


A Concellaría de Igualdade, a través do Centro de Información ás Mulleres (CIM), puxo en marcha esta semana no IES Alfredo Brañas unha serie de talleres sobre prevención da violencia de xénero no contexto dixital dirixidos ao alumnado de 2º da ESO. Os obradoiros, que tratan de proporcionar aos adolescentes unha referencia clara de cales son as oportunidades que brinda e os riscos que poden xurdir no uso das TIC, pero tamén ofrecer prácticas saudables e reflexivas e medidas para evitar conflitos e adquirir competencias en materia de igualdade, continuarán os días 20 e 21.

A actividade forma parte do proxecto Pantallas Amigas, que leva vinte anos traballando pola promoción do uso seguro e saudable de Internet e as TIC e polo fomento da cidadanía dixital responsable na infancia e a adolescencia. Os obxectivos, neste caso concreto, son fomentar pautas educativas para o desenvolvemento do pensamento crítico e o razoamento reflexivo e responsable, sensibilizar ao alumnado sobre a importancia da protección dos datos persoais, dotalo de ferramentas para identificar situacións de risco e analizar as opcións de resposta fronte a este tipo de ameazas, fomentar o uso responsable das TIC, sensibilizar sobre o ciberacoso, definir as novas formas de violencia a través de Internet e coñecer os ciberdelictos e as súas consecuencias, principalmente.
Para acadar eses obxectivos utilízanse recursos didácticos audiovisuais e exemplos prácticos que permiten incidir na educación emocionar e a perspectiva de xénero, fomentar a mediación, avaliar o impacto e facer un acompañamento integral, ademais de adaptar as sesión en función das respostas do alumnado.

Os contidos específicos que se abordan son a violencia de xénero, o machismo, a violencia verbal a través das canles de Internet, o control nas parellas, a violencia sexual, o sexting, a privacidade e as imaxes íntimas alleas, a presión do like e dos algoritmos, a presenza das mulleres nos videoxogos, aspectos legais, o porno e que poden facer os adolescentes ante as situacións de risco que poidan xurdir.

Deja un comentario