Wednesday 05 de February de 2025

A viaxe familiar a Eurodisney no marco da campaña pobrense Volta o Nadal, voltan as Caramiñas xa ten gañadora


A campaña municipal Volta o Nadal, voltan as Caramiñas finaliza coa entrega da viaxe para catro persoas a Eurodisney patrocinada pola empresa Congalsa. Marta Domínguez converteuse na gañadora do sorteo deste premio que lle permitirá poñer rumbo xunto coa súa familia a este complexo turístico-recreativo e de vacacións situado en París. E, para iso, recibiu o cheque regalo das mans da concelleira da Promoción Económica, Amparo Cerecedo, e da xefa de Relacións Externas de Congalsa, Ana Garrido.

Esta experiencia é o colofón á acción orientada ás redes sociais posta en marcha pola Concellaría da Promoción Económica da Pobra do Caramiñal co obxectivo de dinamiza-la localidade a nivel social e económico durante o Nadal. En canto á dinámica, puideron participar todas aquelas persoas que subisen ás súas historias do Instagram fotos nos photocall coñecidos como recunchos do Nadal distribuídos por todo o núcleo urbano. Para contabiliza-las instantáneas cara o sorteo, había que menciona-la conta @caraminhasnapobra e, en caso de te-lo perfil privado, a maiores, enviar unha captura de pantalla da historia á dita conta da rede social.

Entre os días 1 e 31 de decembro sorteáronse 200 euros diarios en formato de caramiñas para trocar nos negocios locais adheridos, mentres que no 5 de xaneiro rematou o prazo para optar a gaña-la viaxe a Eurodisney entre tódalas imaxes captadas dende o inicio da actividade.

Os datos constatan que o nivel de participación medrou con relación ao pasado ano, como detallou a edil. Cerecedo cualificou a campaña como “todo un éxito” por segundo ano consecutivo. Para referenda-las súas palabras, indicou que se pasou das 3.878 participacións na primeira edición ás 5.298 desta. Neste senso, referiuse a esta iniciativa municipal “como unha boa fórmula para atraer xente ao noso municipio e que a nosa veciñanza teña propostas diferentes por esas datas tan significativas ao mesmo tempo que se contribúe ao movemento económico no comercio local. Ademais, esta medida sirve para poñer en valor o noso tecido comercial, para achega-los establecementos locais á xente, cada vez máis acostumada á compra en grandes superficies e plataformas online, sobre todo, a mocidade. Queremos así que coñezan os establecementos que hai na Pobra, os produtos e servizos de calidade que estes ofrecen e, por suposto, os e as comerciantes que garanten unha atención personalizada.” Agradeceu, así mesmo, a implicación un ano máis de Congalsa “apoiando novamente esta campaña no marco da súa Responsabilidade Social Corporativa para que o seu compromiso coa sociedade pobrense transcenda o ámbito de creación de emprego.”

A este respecto pronunciouse tamén a xefa de Relacións Externas da empresa, Ana Garrido, para quen “en Congalsa cremos firmemente na importancia de contribuír ao desenvolvemento social e económico da nosa contorna e iniciativas como esta, que non só fomenta a participación das familias, senón que tamén xera dinamismo na nosa zona, e que son clave para fortalece-los lazos entre as empresas e o tecido social local.”

Pola súa parte, a agraciada manifestou a súa sorpresa cando recibiu a noticia, pero que estaba moi contenta e ilusionada.