Wednesday 05 de February de 2025

Inés Rey distingue ás e aos mellores atletas na gala Coruña Corre


Aberta a inscripción para a XII edición do circuíto Copruña Corre, que comenará o 15 de marzo coa carreira popular da Torre de Hércules

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu esta tarde a Gala Coruña Corre 2024, na que se entregaron os recoñecementos aos e ás mellores atletas e equipos participantes na edición número 11 do circuíto de carreiras populares máis importante de Galicia, que concluíu o pasado 15 de decembro coa proba de Novo Mesoiro. A alcaldesa estivo acompañada pola concelleira Nereida Canosa.
“O éxito de Coruña Corre é grazas a todos vós, que todos os meses madrugades, calzades as zapatillas e saídes á rúa a facer quilómetros e quilómetros, cada un cun obxectivo diferente pero todos buscando mellorar a vosa saúde e calidade de vida”, sinalou a alcaldesa durante a súa intervención. A rexedora tamén anunciou que desde hoxe está aberta a inscrición no circuíto e na primeira das probas, a carreira popular da Torre de Hércules, que se disputará o 15 de marzo e servirá tamén para conmemorar o 8M cunha andaina solidaria. A rexedora agradeceu a implicación dos clubes da cidade co deporte de base, impulsando que cada vez haxa máis nenos e nenas participando nas probas infantís. Ademais, a alcaldesa avanzou que estase a estudar amplir o circuíto a barrios polos que aínda non pasa, porque así o están a pedir algunhas entidades veciñais e deportivas.
Este ano o circuíto Coruña Corre volverá a contar con sete probas repartidas ao longo do ano e co barrio de Xuxán integrado na proba de Matogrande. “A xente dos barrios, como dicimos desde o Concello, é outra desas cousas que fan excepcional este circuíto, pois cada barrio e as súas asociacións veciñais implícanse ao 100% coa celebración da súa proba e cada carreira é diferente á anterior”, sinalou Inés Rey, que tamén apunto que se está a estudar a posibilidade de ampliar o circuíto e chegar a novos barrios.

A Gala Coruña Corre 2024 celebrouse no auditorio do Centro Sociocultural Ágora, ao que asistiron moitas das persoas participantes no circuíto, así como entidades veciñais, membros da corporación e patrocinadores. O acto contou co animador habitual das carreiras, Xalo Maira, como presentador. Estivo acompañado sobre as táboas pola humorista Cata Ukelele. Ademais, houbo música en directo durante todo o transcurso da gala. Os máximos galardóns foron para Inés Papín e Antón Gómez, gañadores do circuíto na categoría absoluta.

Ademais da apertura das inscricións, tamén se anunciaron as datas de celebración de cada carreira do circuíto. Tamén se animou a participar na próxima edición do Medio Maratón C21, que se celebrará o domingo 9 de febreiro e que, un ano máis, contará cunha proba de cinco quilómetros.
Datas do circuíto Coruña Corre 2025
● XIII Carreira Popular Torre de Hércules: 15 de marzo
● IX Carreira Popular Matogrande-Xuxán: 6 de abril
● XVI Baixada Popular de Cross San Pedro de Visma: 11 de maio
● XII Carreira Popular Os Rosales: 1 de xuño
● XII Carreira Popular Volta a Oza: 14 de setembro
● XI Carreira Popular do Ventorrillo: 26 de outubro
● XIII Carreira Popular Novo Mesoiro: 23 de novembro