Wednesday 05 de February de 2025

Oleiros pasa a contar con 4 sendeiros azuis europeos coa inclusión do paseo fluvial de Iñás e Nós


O Concello de Oleiros incrementa a 4 os sendeiros azuis europeos ao recibir tamén esta distinción o paseo fluvial de Iñás e Nós, que se suma aos paseos e parques costeiros, ao Monumento Natural e ao Bosque de Xaz. O elevado número de quilómetros de paseos e sendeiros existentes a carón do mar ao longo de todo o litoral, a desprivatización e conservación do Bosque de Xaz e a recente creación e apertura do paseo fluvial do río de San Pedro fai posible este importante recoñecemento.

A entidade europea ADEAC, que entrega estes prestixiosos galardóns; analiza a preservación e mellora das condicións ambientais existentes, a seguridade e facilidade de uso para os visitantes, e unha xestión integrada e coherente dos valores naturais, históricos, culturais e etnográficos que conforman o noso patrimonio litoral. A costa de Oleiros, desde a ría da Pasaxe ata Lorbé, e o Bosque de Xaz cumpren claramente con todos estes criterios de valoración.