O Concello de Santiago, a través do departamento de Emprego, vai desenvolver nos próximos tres anos un ambicioso proxecto de formación para o emprego que suporá un investimento de tres millóns de euros. Trátase do programa Minerva, que vén de ser seleccionado nunha convocatoria de subvencións do Ministerio de Administracións Públicas e recibirá unha achega de fondos europeos de 1,8 millóns de euros. A tenenta de alcaldesa María Rozas deu hoxe os detalles deste proxecto, que chegará a case mil persoas a través de 60 itinerarios formativos distintos.
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude presentou hoxe os detalles do programa Minerva, que o departamento de Emprego presentou á convocatoria do Ministerio de Administracións Públicas para proxectos de formación para o emprego promovidos por entidades locais, con cargo ao Fondo Social Europeo. María Rozas salientou que a proposta de Santiag foi a segunda mellor valorada na súa categoría nesta convocatoria.
Oproxecto está dirixido de maneira prioritaria aos colectivos vulnerables e con maiores dificultades de inserción, isto é, as mulleres, as persoas paradas de longa duración, inmigrantes, persoas con discapacidades e menores de 30 anos. A tenenta de alcaldesa sinalou que “cumprimos así o obxectivo fixado no V Pacto Local polo Emprego asinado a comezos de 2024, e respondemos á realidade laboral, na que os menores e as mulleres presentan taxas de desemprego máis altas e empregos de peor calidade”. Nesa liña, a concelleira apuntou que case o 50% das persoas paradas en Santiago teñen baixas cualificacións profesionais, e a necesidade de máis formación é unha das cuestións apuntadas nos diferentes estudos sobre o desemprego de longa duración.
Itinerarios formativos acaídos á demanda do mercado laboral
No marco do programa Minerva vanse desenvolver 60 itinerarios distintos, con formación específica, prácticas profesionais titorizadas, formación transversal e formación complementaria. María Rozas apuntou que a oferta formativa “tamén tivo en conta a realidade do mercado laboral e a demanda de persoas traballadoras”. Desta maneira, a maioría dos itinerarios, preto de 40, están relacionados co sector dixital e as TIC, e atenden a disciplinas como a intelixencia artificial, a realidade aumentada, a creación de videoxogos ou o desenvolvemento de webs.
Ademais, o programa Minerva atenderá a outro tipo de sectores con dificultades para atopar persoal. Haberá itinerarios relacionados coa construción, como os de albanelería ou pintura; vinculados ao comercio, con formación en oficios que non teñen relevo xeraciona como o de carniceiro; ou itinerarios vinculados á atención á dependencia, como os de atención sanitaria domiciliaria ou coidado das persoas maiores.
Condicións para participar nos itinerarios
Para inscribirse, é preciso estar en situación de ser demandante de emprego. O programa esixe que como mínimo o 81% das participantes en cada itinerario sexan mulleres, e o 81% deben ser persoas paradas de longa duración. Estes criterios poderánse flexibilizar nalgúns dos itinerarios, sempre que se compensen noutros para cumprir os obxectivos globais do programa.
Cada un dos itinerarios formativos terán 16 alumnas e alumnos, e as persoas participantes terán dereito a unha bolsa de formación, en función dos requisitos de renda. Esta axuda pode rondar os 300 euros, dependendo da duración da actividade, que vai desde as 134 ata as 384 horas. Semanalmente impartiránse unhas 25 horas de formación, de modo que os itinerarios poden durar entre un e dous meses. Ademais, complementaranse con prácticas profesionais titorizadas en empresas de cada sector.
A maiores, o proxecto Minerva prevé tres xornadas de activación e información en materia de emprego, abertas a persoas non participantes dos itinerarios, nos que se atenderán cuestións relacionadas coa inserción laboral e os procesos de selección das empresas. Por último, haberá tres accións complementarias no programa: a psota en marcha dunha web, a elaboración dun video específico sobre a situación das mulleres no mercado laboral, e a creación dun podcast sobre o emprego en Santiago.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.