Wednesday 05 de February de 2025

Inés Rey: “Na Coruña estamos orgullosos de pertencer a unha cidade situada no centro das memorias mundiais”


A alcaldesa preside o acto de entrega das Medallas da Batalla de Elviña ao Real Club Náutico, ao escritor José Manuel Fernández Caamaño e á xornalista Doda Vázquez

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu este venres, no salón de sesións do Palacio Municipal de María Pita, o acto de entrega das Medallas da Batalla de Elviña, organizado pola Asociación Histórico Cultural Royal Green Jackets e que conta co apoio do Concello. A rexedora estivo acompañada polo presidente da asociación, Manuel Arenas.

“Na Coruña somos moi dados a defender, relatar e difundir os nosos feitos históricos, é verdade. Chámase orgullo polo propio, por pertencer a unha cidade situada desde hai séculos no centro das memorias mundiais”, sinalou a alcaldesa durante a súa intervención. No acto estiveron presentes diferentes colectivos da cidade, así como as persoas condecoradas coa medalla en anteriores edicións.

Nesta ocasión, os recoñecementos foron para o Real Club Náutico, que estivo representado polo seu presidente, Fernando Cobián; o escritor e investigador coruñés José Manuel Fernández Caamaño; e a xornalista e presidenta da Asociación da Prensa da Coruña, Doda Vázquez Iglesias. “Estamos hoxe ante unha nova mostra de talento coruñés e de amor por unha cidade que segue escribindo páxinas doces da súa historia”, dixo a alcaldesa.