Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo, destacou no acto o importante papel de Tapia Segade para ser unha cidade vangardista e ilustrada
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presidiu esta mañá a presentación do libro ‘Federico Tapia Segade (1825-1891). Primeiro alcalde republicano da Coruña’, na Casa Museo Casares Quiroga. O máximo responsable municipal de Memoria Histórica estivo acompañado por Guillerme Pérez Agulla, director da Fundación Luís Tilve, e os autores Ana Romero Masía e Carlos Pereira Martínez.
“O Goberno de Inés Rey ten moi presentes as persoas que conseguiron facer desta unha cidade vangardista e ilustrada, que nos permite hoxe ser a urbe con maior potencial do noroeste”, sinalou Castro durante o acto. O libro está editado pola Fundación Luís Tilve e trátase dunha biografía que recolle as vivencias do primeiro alcalde republicano da cidade.
‘Federico Tapia Segade (1825-1891). Primeiro alcalde republicano da Coruña’ relata con talento aquela época decisiva da cidade, sempre politicamente axitada e sempre allea a calquera tipo de complexo provinciano. Tapia, e os moitos que o acompañaron nese tempo, traballaron pola República pero non só desde os ideais, senón desde o labor diario, en calquera nivel, desde o profesional ata o institucional.
Como alcalde, Federico Tapia foi un dos impulsores, entre outras cousas, do crecemento da cidade, co nacemento do Ensanche. Así mesmo, durante a súa vida ocorreron feitos decisivos para A Coruña, como a chegada do ferrocarril, a creación das primeiras entidades bancarias locais ou, por suposto, a efervescencia política e cultural que viviu a cidade, inzada de faladoiros, ateneos, loxas ou xornais.
Federico Tapia Segade forma parte dunha familia burguesa da Coruña. Foi o primeiro alcalde republicano, que ocupou a alcaldía en febreiro de 1872, cunha intensa efervescencia política local. Foi relevante a súa participación en asociacións culturais, sociais e benéficas, así como a súa actividade masónica.