Friday 17 de January de 2025

O Concello completa a restauración do muíño do parque de Santa Margarida


A alcaldesa visitou a contorna para supervisar os traballos levados a cabo no enclave, un dos elementos etnográficos de maior relevancia do parque

Inés Rey: “Dende o ano 2019 levamos a cabo varias intervencións en Santa Margarida para mellorar e adaptar os seus equipamentos e poñer en valor un dos espazos naturais de referencia da cidade”

A alcaldesa, Inés Rey, visitou esta mañá a contorna do parque de Santa Margarida acompañada da concelleira de Mobilidade e Infraestruturas, Noemí Díaz, para supervisar os traballos levados a cabo na cuberta do muíño, un dos elementos etnográficos de maior relevancia do parque. A alcaldesa destacou que “co remate dos traballos na cuberta completamos a restauración no muíño que iniciamos no pasado mandato coa integración do muíño co estanque lindeiro”.
En concreto, na primeira fase remodelárase a contorna do estanque, incluíndo catro novas áreas verdes con novos elementos florais, e en paralelo realizáranse tarefas de limpeza e mellora da carpintaría na estrutura do muíño. Ademais, aproveitouse a intervención para mellorar e renovar o firme nos camiños de acceso ao enclave. Agora, o Concello actuou para frear o deterioro da estrutura da cuberta, danada por filtracións de auga e que podían poñer en perigo a conservación do mecanismo dos mecanismos internos.

Para iso retiráronse as táboas deterioradas e substituiuse por unha lámina protectora de PVC, asegurando a estabilidade da cuberta. Tamén se remplazaron os paneis por contrachapado de bidueiro, respectando o deseño orixinal. Ademais cambiáronse as carpintarías das ventás por vidros laminados de seguridade e protexéronse os elementos metálicos da cuberta con pintura ao esmalte, resistente á intemperie. A intervención contou cun orzamento de máis de 25.000 euros.
Rey sinalou que “dende o ano 2019 levamos a cabo varias intervencións no parque de Santa Margarida para mellorar e adaptar os seus equipamentos co obxectivo de poñer en valor un dos espazos naturais de referencia da cidade”. A alcaldesa referiuse a diversas actuacións no anfiteatro así como coa renovación do mobiliario urbano, seguidas pola intervención na área canina do parquee a mellora da pasarela que sobrevoa a avenida de Arteixo e conecta o sector leste do parque coa rúa Industrial, no barrio da Falperra, facilitando o acceso peonil da cidadanía a Santa Margarida.

O total das intervencións realizadas supera os 458.053 euros, dos que 359.308 euros foron só nos últimos dous anos. “Hai uns meses os veciños e veciñas estrenaban a nova área canina que contou cun orzamento de 66.308 euros e tamén abríamos a renovada pasarela de acceso dende avenida de Arteixo, cuxa intervención supuxo un investimento total de 70.000 euros” sinalou a alcaldesa. A elas súmanse a ampliación do parque infantil, que contou cun investimento de 58.745 euros e a restauración da cuberta do muíño, con máis de 25.000 euros.

Deja un comentario