É unha importante mellora na seguridade, xa que ata o de agora os vehículos de emerxencia non podían acceder a varias vivendas deste núcleo
O camiño pasa de ser de terra e cunha anchura de 2,5 metros a estar revestido dunha capa de saburra e estenderse a 8 metros de ancho.
O Concello de Miño concluíu as obras de acondicionamento e ampliación do camiño rural de Barbeita, situado na parroquia de Callobre. Esta actuación responde á necesidade de mellorar un vial que se atopaba inaccesible, totalmente invadido por maleza e derrubes dos noiros adxacentes. O paso de vehículos de emerxencia a boa parte das vivendas de Barbeita era imposible, xa que os outros accesos da zona non teñen ancho suficiente.
O camiño, que contaba cunha lonxitude de 344,50 metros, unha superficie de 861,25 metros cadrados e unha ancha media de 2,5 metros, foi transformado de maneira significativa. Grazas á colaboración dos veciños, que cederon un total de 2.179,81 metros cadrados a través de 29 actas de cesión, logrouse ampliar a plataforma ata alcanzar un ancho aproximado de 8 metros.
As obras incluíron o movemento de terras necesario para a creación dunha plataforma horizontal, así como a mellora dos accesos ás parcelas lindeiras mediante a construción de ramplas. Ademais, realizouse a canalización de augas pluviais para solucionar os problemas de inundacións que afectaban a varios tramos do camiño, e pavimentouse cunha capa de saburra compactada, garantindo así un firme estable e seguro.
Con esta intervención, o camiño xa permite o acceso de vehículos de emerxencias como ambulancias e bombeiros, facilitando unha resposta rápida en caso de necesidade, ademais de mellorar significativamente a calidade de vida dos veciños do núcleo rural de Barbeita e as parcelas contiguas.
O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, valorou moi positivamente a obra, destacando a importancia desta mellora para a seguridade e a calidade de vida dos veciños. “Esta actuación non só mellora o acceso a Barbeita, senón que tamén garante que os servizos de emerxencias, como ambulancias e bombeiros, poidan chegar rapidamente en caso de necesidade. É un avance que demostra o noso compromiso coas zonas rurais e co benestar de quen vive nelas”, sinalou.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.