A concelleira de Emprego, Comercio e Mercados, Diana Cabanas, convidou a cidadanía a non perder a programación prevista, que complementará a oferta de produtores locais que habilitarán os seus postos de venda
O Campo da Leña acollerá este domingo 19 o primeiro mercado ecolóxico municipal deste ano. Cada fin de semana, esta iniciativa do Concello contribúe a visibilizar a pequenos produtores locais e da área metropolitana en eventos abertos á cidadanía e ao aire libre, cun formato rotatorio que se desenvolve nos barrios da Coruña.
Cómpre lembrar que o calendario previsto polo Concello marcaba o inicio da nova tempada o pasado 5 de xaneiro, na previa do día de Reis, mais o mercado foi cancelado por mor das condicións meteorolóxicas daquela xornada, con fortes ventos.
Agora, retómase a programación, que arrincará o domingo coa apertura dun espazo de dinamización infantil orientado ao goce das pequenas e pequenos. Estará habilitado das 10.00 ás 15.00 horas.
Xa a media mañá, ás 11.30 horas, as e os máis pequenos poderán participar nun obradoiro infantil de carácter creativo, no que a rapazada aprenderá a fabricar figuras de castores con materiais reciclados. Para tomar parte no obradoiro será preciso inscribirse previamente no mercado a partir das 10.00 horas, xa que a capacidade prevista estará limitada a un máximo de 15 nenas e nenos. O obradoiro durará unha hora.
Posteriormente, ás 12.30 horas, as crianzas tamén terán a posibilidade de gozar de ‘Onde nacen as apertas’, unha sesión de contacontos con Beíña.
A concelleira de Emprego, Comercio e Mercados, Diana Cabanas, convidou a cidadanía a asistir a esta primeira edición do mercado ecolóxico municipal no 2025, “que terá continuidade durante os meses de febreiro e marzo, tamén no Campo da Leña como punto de encontro”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.