O plan de actuacións arrincará coa retirada progresiva dos listóns máis desgastados, unha medida semellante á que se executou o ano pasado na praza da Fonte de Santa Catalina, reforzando así a seguridade peonil
O Concello iniciará o luns 20 os traballos previos á substitución das tarimas de madeira existentes en diversos puntos da praza da Cormelana, no barrio da Pescaría-Orzán. Neste sentido, o Goberno municipal ten previsto cambialas por lousas de pedra, escollidas pola súa durabilidade, mellor conservación e tamén polo feito de dar unha maior seguridade para o tránsito peonil.
Esta medida é semellante á que xa se executou o ano pasado na praza da Fonte de Santa Catalina, onde, atendendo ás suxestións e demandas da cidadanía, o Concello actuou para retirar os antigos listóns de madeira, susceptibles de esvaróns, para instalar novas pezas de pedra, en granito gris, que redundaron nunha mellora substancial para a seguridade das e dos transeúntes.
A actuación na praza da Cormelana, validada previamente na Comisión PEPRI, comezará coa retirada progresiva das madeiras máis desgastadas, tanto pola humidade, a erosión derivada das condicións meteorolóxicas como tamén polos usos asociado ás terrazas ao aire libre habilitadas polos locais hostaleiros da contorna.
Cómpre lembrar que esta intervención foille notificada previamente polo Goberno municipal á asociación de comerciantes do barrio, así como ao persoal representante da hostalería da zona, co obxectivo de acordar un calendario de traballos que diminuíse, na medida do posible, o impacto no desenvolvemento habitual da súa actividade mentres se completan as obras.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.