Friday 17 de January de 2025

A Deputación subvenciona a San Sadurniño con 29.000 euros para o financiamento do persoal de Igualdade e o programa de Memoria Activa


O BOP deste venres 17 de xaneiro publica as resolucions sobre a concesión de varias axudas dirixidas aos concellos da provincia. Neste sentido, San Sadurniño vai beneficiarse de dúas achegas por un importe conxunto de 29.000 euros. A maior parte desta contía -22.000 euros- dedicarase ao financiamento dos custes laborais da técnica municipal de Igualdade, mentres que a cantidade restante -7.000 euros- compensará a edición de 2024 do programa de memoria activa que se desenvolve polas parroquias e que este ano tamén contará con soporte económico provincial a traves do POS Social aprobado no pleno esta mesma semana.

Segundo se describe nas bases da convocatoria para o financiamento de persoal técnico de Igualdade, a finalidade das axudas é promover actuacións e definir políticas neste ámbito, en coordinación coa Deputación provincial no marco do I Plan de acción das políticas de Igualdade de xénero na provincia de A Coruña 2019-2026.

A convocatoria tamén define as funcións que desenvolve o persoal cuxo posto se financia. Son unha decena de aspectos encadrados en dous eixos principais: o fomento da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e a loita contra a violencia de xénero.

Estas dúas liñas de traballo tradúcense á súa vez en accións concretas de detección de necesidades en materia de igualdade, prevención e intervención da violencia de xénero; tamén na programación, planificación, intervención e realización de proxectos de dinamización -publicacións, obradoiros para distintas idades, charlas, cursos, etc.-, xunto coa busca de financiamento doutras Adminstracións; no apoio á xestión de servizos relacionados coa conciliación -a Escola Infantil Municipal ou a Aldea de Verán, entre eles-; en facer seguimento da aplicación real das políticas de igualdade e de fomento da perspectiva de xéner o e, quizais o máis importante, en traballar man con man e de maneira coordinada cos departamentos de Educación Familiar e de Servizos Sociais en situacións que requiren unha atención urxente.

O importe da subvención provincial -dirixida a cubrir os custes salariais e de seguridade social- ascendeu a un total de 22.000 euros, a máxima cantidade que se outorga na convocatoria de acordo co programa presentado na solicitude e coa relación de traballos efectuados ao longo de 2024.

Memoria Activa
Por outra banda, o programa de Memoria Activa que se desenvolve polas parroquias tamén se beneficiará dunha achega provincial de 7.000 euros.

Neste caso trátase de obradoiros semanais itinerantes coordinados por persoal especializado de Afal-Ferrolterra. A finalidade destes encontros para persoas de 55 anos en diante é tripla: propor exercicios moi sinxelos e entretidos que obriguen a exercitar o cerebro, previr e detectar procesos incipientes de deterioramento cognitivo e, de paso, crear un espazo lúdico compartido que manteña alonxada a soidade.

As actividades de Memoria Activa dirixidas por Afal-Ferrolterra botaron a andar con grande éxito en 2022 e o Concello pretende seguir manténdoas no futuro. A axuda provincial concedida da que se fai eco o BOP de hoxe é para cofinanciar o programa desenvolvido durante 2024, pero cabe recordar que o pleno municipal aprobou hai uns días por unanimidade destinar á edicion deste ano de Memoria Activa un total de 8.838 euros do POS+ Adicional 1/2025.

Deja un comentario