Friday 17 de January de 2025

A Xunta pon en valor o traballo diario do persoal da residencia de maiores Torrente Ballester, recoñecida como centro libre de suxeición


O centro coruñés convértese no primeiro de Galicia en obter esta acreditación, que se enmarca no desenvolvemento do novo modelo de coidados

A residencia de maiores Torrente Ballester da Xunta recibiu hoxe a súa acreditación como centro libre de suxeicións, a primeira de Galicia en obter este recoñecemento por parte da Confederación Española de Organizacións de Maiores (Ceoma). O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, explicou que este certificado forma parte do novo modelo de coidados que se está a desenvolver en Galicia, polo que se ampliará ao resto das residencias da rede pública autonómica.

Antón Acevedo sinalou que o mérito desta distinción recae, principalmente, no persoal do centro que cada día está ao carón das persoas maiores. Neste sentido, apuntou que o modelo de atención da Xunta pon por diante o trato individualizado aos residentes e busca evitar o uso de suxeicións na súa totalidade ou o menos posible, indo máis alá do cumprimento da normativa.

O director xeral manifestou que para eliminar o uso de medidas de contención a Xunta leva tempo traballando na formación continua do persoal, na adaptación dos espazos para facelos máis accesibles e no uso de novas tecnoloxías para a detección de caídas e outras incidencias.

Coincidindo coa entrega deste certificado, o centro Torrente Ballester acolleu unha xornada sobre os coidados sen suxeicións e o bo trato dirixido a profesionais das residencias da área sanitaria da Coruña e Cee.

Deja un comentario