Goretti Sanmartín defendeu a aposta do Goberno polas “mudanzas profundas” que permitan a través do traballo do día a día “sentar as bases dunha fonda transformación do noso Concello”, durante o Pleno celebrado esta mañá. A rexedora deu conta dos fitos acadados no ano e medio de mandato así como dos obxectivos por lograr para facer “unha Compostela boa de vivir e orgullosa de si, baixo o convencemento de que o benestar das veciñas e dos veciños fará tamén da capital galega un lugar mellor para quen nos visita”.
Na súa intervención a alcaldesa reiterou a aposta do Goberno por “pór en marcha medidas estruturais que deixen de lado o curtopracismo e traballen no día a día por sentar as bases dunha profunda transformación do noso concello”. Tras ano e medio á fronte do executivo, Goretti Sanmartín congratulouse de ir na “dirección adecuada” e deu conta na súa intervención dos obxectivos fixados “non acadados aínda, mais tamén dos fitos positivos, que non son poucos”.
Sanmartín recordou que Santiago é “un lugar único na súa complexidade” que ademais rematou o ano con 100.000 persoas empadroadas, que polas súas características demanda “un alto nivel de servizos e de recursos públicos”, o que require “priorizar e recomenda adoptar perspectivas a longo prazo para adecuar a capacidade estrutural do Concello”.
Neste sentido a alcaldesa reivindicou o compromiso do Goberno municipal por “afrontar reformas de calado”. “Renunciamos á política cosmética e apostamos polas mudanzas profundas. Son lentas, si; tardan en verse, tamén; non xeran grandes titulares de apertura, por suposto. Mais sinalan unha liña firme e coherente co programa con que nos presentamos”,
A alcaldesa fixo un repaso dos principais logros acadados en todos os ámbitos, poñendo en valor a aposta do Goberno municipal polo social, “apoiando os colectivos máis vulnerábeis e poñendo os coidados no centro”, coa sustentabilidade e o urbanismo de calidade, cos servizos e a diversificación económica, coas mudanzas na mobilidade, co cambio de modelo turístico, a perspectiva de xénero ou a potenciación da cultura, da lingua e da memoria.
Xestión interna, cultura e sustentabilidade ambiental
A nivel da xestión interna do Concello, Goretti Sanmartín destacou o redeseño da estrutura organizativa, o reforzo do persoal, a actualización da relación de postos de traballo, a creación dun comité de simplificación administrativa, a centralización de procesos e integración das plataformas informáticas, ou a elaboración dunha ambiciosa planificación normativa, entre outras
A rexedora tamén salientou a redución do período medio de pagamento a provedores “quedando a finais de decembro nos 42 días” e que “a débeda a provedores está por debaixo da que herdamos e ficou ao remate do exercicio catro millóns por debaixo do anterior”.
Tamén se reforzou o diálogo e se impulsou a interacción coa veciñanza a través do lanzamento da nova web municipal, da reestruturación das redes sociais “para dar máis contido informativo e útil cun tratamento máis atractivo para a cidadanía” así como da reactivación e creación de múltiples órganos de participación en varios ámbitos como os consellos ou a recuperación dos orzamentos participativos para a mocidade.
No eido cultural, para a alcaldesa, o Goberno asumiu con boa nota a “extraordinaria responsabilidade co papel que Compostela exerce como capital do país e de referente cultural”, cunha aposta por “chegar a máis persoas cun proxecto de mediación que conecta con novos colectivos e elimina barreiras que impiden o acceso ás actividades culturais”, co próximo lanzamento dunha liña de programación integral e estable para a infancia ou a desestacionalización da programación con iniciativas como ‘Contemporáneas’.
Tamén se lle prestou especial atención ás festas, “que combinan cultura, memoria e identidade colectiva”, con novas propostas participativas e outras dirixidas á cativada, así como ás actividades deportivas a través da mellora das infraestruturas deportivas, entre outros avances.
No ámbito da sustentabilidade, Goretti Sanmartín destacou o pulo á compostaxe dos biorresiduos, chegando na actualidade aos 6.000 fogares facendo uso do programa “Ti tes a chave” para o colector marrón e outros máis de 1.500 fogares con composteiros individuais. Tamén se constituíu unha comisión plenaria para atopar a fórmula máis adecuada para a xestión da auga na cidade.
Tamén se avanzou no programa “Entre o Sar e o Sarela’ financiado polos fondos NextGenerationEU para a renaturalización de varios espazos da cidade e no proxecto Ecobosque de reforestación. Neste ámbito tamén se realizaron varias campañas informativas para incrementar a sensibilidade ambiental e a concienciación do coidado dos animais, así como melloras en liña co Plan de mobilidade sustentable dirixidas a facilitar o uso da bicicleta, darlle prioridade ao transporte público ou a mellorar a seguranza.
Políticas centradas nas persoas
No ámbito das políticas destinadas a mellorar a calidade de vida “das persoas”, a rexedora destacou o incremento do “73% os recursos económicos dedicados aos servizo de axuda no fogar para garantir a súa calidade e aumentar as horas dispoñíbeis” e de case un 40% nas bolsas de comedor, material e actividades extraescolares, ate chegar a 1,1 millóns de euros.
Tamén se recuperou o proxecto do Centro de Atención ás Persoas sen Fogar de Belvís cuxas obras “están por rematar e ao longo de 2025 definirase o seu modelo de xestión”. Goretti Sanmartín tamén mencionou outros fitos como a próxima licitación para acondicionar a Casa das Persoas Maiores e o novo Centro Sociocultural do Ensanche, a elaboración do I Plan municipal de saúde do Concello de Santiago ou os traballos para a mellora da accesibilidade nas vías públicas.
Na loita contra a desigualdade, a rexedora recordou a posta en marcha do Protocolo Troula Segura para reducir as agresións machistas e LGBTfóbicas nos espazos de ocio nocturno e o reforzamento da programación e do servizo da Casa Xohana Torres. Tamén se potenciaron os programas de conciliación e implantouse un novo modelo para os comedores escolares “no que prima a alimentación con produtos de proximidade e cunha importante compoñente educativa”.
Goretti Sanmartín tamén puxo en valor o labor do Goberno municipal a prol da recuperación da memoria con iniciativas como a creación da marca “Compostela é memoria”, o proxecto “As mil marías” para recuperar a memoria das mulleres ou a organización de eventos para “dar a coñecer os fitos máis escuros do noso pasado para traer ao presente a nosa historia en todas as súas dimensións” como os dedicados a Begoña Caamaño ou Ruth Matilda Ánderson, así como a instauración da Alba de Compostela, acto no día central das festas maiores de Santiago, inspirada no discurso da Alba de Gloria de Castelao.
Vivenda e calidade urbana
Para a rexedora, outro dos eixes prioritarios do mandato é a vivenda, no que o Goberno segue a traballar para acadar a declaración de mercado residencial tensionado “para que se aplique a declaración e as necesarias medidas de regulación de prezos”. Neste ámbito, a rexedora fixo un repaso por algúns dos avances realizados, como a creación dunha entidade pública de vivenda pública que prioriza a rehabilitación e o alugamento.
Tamén se avanzou na busca de alternativas para a parcela do antigo Peleteiro, na activación do rexistro de soares, na rehabilitación de pezas delicadas como a Caramoniña, no peche da regulación iniciada na modificación do PXOM ou no proxecto de impulso á vivenda protexida en Xoán XXIII.
Na procura da mellora do modelo de calidade urbana, o Concello convocou o pasado ano o concurso público de ideas para a remodelación do eixe conector central da cidade. Tamén se traballou na mellora e posta ao dispor da cidadanía de varios equipamentos municipais como a Casa das Máquinas, o Centro para Persoas sen Fogar, a rehabilitación do Estadio Municipal Verónica Boquete e se avanzou para facer realidade o novo parque de bombeiros que dará servizo á comarca desde a nova localización no ámbito do Plan especial de infraestruturas e dotación de Amio. A alcaldesa tamén mencionou outras obras relevantes como a reurbanización da rúa do Pombal ou as próximas intervencións nas rúas de García Lorca, Puente la Reina ou Mallou e os proxectos para o Ensanche e a zona norte da cidade.
“A atención ao espazo urbano non nos fixo descoidar o rural, ao que dedicamos unha porcentaxe superior ao 3 % do orzamento en 2024, un feito histórico na planificación orzamentaria”, destacou Sanmartín, que fixo un repaso polas diferentes obras realizadas ou próximas a executar en varios puntos do rural para a mellora da rede de saneamento e abastecemento e para a rehabilitación das calzadas.
Turismo Sostible e diversificación económica
No seu discurso, a alcaldesa reiterou o compromiso do Concello con facer de Compostela, unha cidade aberta e acolledora “co convencemento de que o que é bo para nós tamén o é para quen nos visita”, cunha aposta firme por un turismo consciente e respectuoso coas persoas residentes, no que prime a calidade sobre a cantidade, e nesta liña congratulouse polos pasos dados cara un modelo que “deixou de colocar como primeira meta o incremento de visitas para traballar de cara a lograrmos un turismo máis consciente e con maior repercusión económica”.
Ao respecto do eido económico, a rexedora recordou que “é necesario darlle pulo á economía, diversificala, aproveitar os potenciais autóctonos e diminuír a fenda de xénero” e destacou o labor municipal na posta en marcha de múltiples medidas de apoio ao tecido comercial autóctono, a potenciación do diálogo con sectores como a hostalaría a través da conformación dunha mesa ou a colaboración con Mercagalicia para “converter Compostela nun nodo loxístico de mercadorías”.
Colaboración con outras entidades
No referente ás relacións con outras institucións e entidades, a rexedora destacou a “capacidade de diálogo para defender os intereses de Compostela” a través dun “diálogo franco” co Arcebispado, da sinatura dun acordo marco coa USC ou do entendemento coa Xunta de Galicia para resolver os problemas de aparcamento no Hospital Clínico ou a implantación do imposto por estadías, “que acabará sendo unha realidade grazas ao empeño deste Goberno”. Tamén aludiu aos acordos de colaboración coa Deputación da Coruña para facer realidade proxectos como a Vía Verde, os proxectos do POS ou a rehabilitación do Estadio Vero Boquete, e coa Administración do Estado para a construción da depuradora EDAR, conseguindo que “a achega estatal pasase do 65 % a un 80 %, o que significa ao redor de 11 millóns de aforro”.
Nesta liña, tamén mencionou o relevante papel do executivo municipal no Consorcio de Santiago, na presidencia do Grupo de cidades Patrimonio da Humanidade no ano do seu 30 aniversario e as conversas con ADIF para aumentar o número de prazas do aparcadoiro da Estación Intermodal Daniel Castelao.
Para pechar a súa intervención, Goretti Sanmartín defendeu que “é tan relevante valorar o proceso e as decisións que se toman, cando levamos ano e medio á fronte desta casa, como os resultados xa obtidos que non son poucos”. “Con toda a humildade, mais con ambición, traballamos arreo sobre o alicerce de facer unha Compostela boa de vivir e orgullosa de si, baixo o convencemento de que o benestar das veciñas e dos veciños fará tamén da capital galega un lugar mellor para quen nos visita”, concluíu.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.