Friday 17 de January de 2025

López Campos anima a veciñanza de Coristanco a gozar das novas instalacións da Biblioteca Municipal


— A Xunta destina, mediante convenio co Concello, 100.000€ para a reforma e ampliación do espazo, a metade do orzamento

— O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude destaca na súa visita “o gran avance que supón contar cos equipamentos máis axeitados para facilitar o acceso á cultura”

— Lembra que a actuación “correspóndese coa nosa vontade de modernizar as infraestruturas culturais en todo o territorio”

— A intervención permite ao municipio contar cunha dotación adaptada aos tempos que, ademais dos recursos e materiais, tamén facilitará unha mellor programación

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitou hoxe as novas instalacións da Biblioteca Municipal de Coristanco, tras os traballos de mellora e ampliación levados a cabo no espazo que ocupa no Edificio de Servizos Múltiples da localidade, e para o que o Concello recibiu unha achega de 100.00€ a través dun convenio coa Xunta de Galicia.
Durante o percorrido, o representante do Goberno galego resaltou o “gran avance que supón esta intervención para unha veciñanza que conta agora cun equipamento máis axeitado para o seu acceso á cultura”. Neste senso, indicou, “o novo espazo permitirá desenvolver nas mellores condicións todo tipo de actividades para público diverso, propiciará a participación activa da comunidade e facilitará importantes recursos ás persoas usuarias”.
Nesta liña, López Campos lembrou que este tipo de actuacións correspóndense coa “nosa vontade de mellorar e modernizar as infraestruturas culturais, sobre todo aquelas que frecuentan asiduamente os cidadáns nos seus municipios”. Todo isto, puntualizou, vai acorde á Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia e ao plan de renovación das dotacións culturais no que traballa o Executivo galego.
Novo espazo para a biblioteca
A Biblioteca Municipal de Coristanco goza dun espazo propio despois desta actuación, orzamentada en total en 201.000€, coa que se adaptaron e ampliaron as instalacións que anteriormente eran compartidas cos despachos doutros servizos municipais e limitaban o desenvolvemento da súa actividade.

Así, o obxectivo é que este equipamento non só proporcione acceso a unha ampla variedade de recursos e materiais, senón que tamén sexa un lugar onde as persoas poidan reunirse, aprender e conectarse, adaptándose aos cambios culturais e tecnolóxicos, así como ás necesidades e demandas das persoas usuarias. Deste xeito, acondicionouse o lugar para facelo máis amplo e para acoller áreas versátiles con mobiliario e tecnoloxía coas que o Concello poida ofrecer programas de lectura, obradoiros, eventos culturais e accións para todos os públicos.

Deja un comentario