Friday 17 de January de 2025

Inés Rey reclama que se incorporen os alcaldes e alcaldesas na xestión das emerxencias


Traslada o apoio da FEMP aos municipios afectados que seguen sufrindo as consecuencias da catástrofe
“É o momento de estar cos alcaldes e alcaldesas non de empregar a catástrofe politicamente” subliñou
Valencia, 16 de xaneiro de 2025.- A alcaldesa da Coruña e vicepresidenta da FEMP, Inés Rey visitou esta mañá algúns dos municipios afectados pola catástrofe da DINA co obxectivo de lles trasladar aos alcaldes e alcaldesas o apoio da Federación de Municipios e Provincias neste momento tan complicado de reconstrución dos concellos afectados.

Rey quixo mostrarlles a súa solidariedade a todas as persoas que seguen a sufrir a día de hoxe as consecuencias da DINA e poñer en valor o papel dos alcaldes e alcaldesas, concelleiros e concelleiras de calquera formación política, que estiveron en todo momento, e sen desfalecer, coa súa xente.
A alcaldesa destacou que esta traxedia puxo de manifesto novamente a importancia dos concellos como administración de proximidade, como primeiro recurso da cidadanía tamén nos peores momentos, que “son vítimas da DINA, non responsables” e reclamou que se incorporen os rexedores e rexedoras na xestión das emerxencias.
“Os concellos como Administración con maior coñecemento do terreo teñen que estar implicados polos gobernos autonómicos na xestión das emerxencias e por suposto na reconstrución”, sinalou a rexedora.
Rey, que comprobou de primeira man os problemas aos que se seguen a enfrontar os alcaldes e alcaldesas destes municipios, considerou “inmoral que algúns pretendan utilizar politicamente esta situación en busca de rédito político”, en referencia á reprobación da alcaldesa de Paiporta.

“Non é o momento de lles reprobar nada aos alcaldes e alcaldesas, é o momento de dotalos dos recursos necesarios para que poidan abordar a reconstrución, de simplificar os trámites para que os concellos poidan xestionar a emerxencia e atender as necesidades dos veciños e veciñas que seguen a ser moitas”.

Deja un comentario