Friday 17 de January de 2025

A rapazada da Rolada empeza a preparar o Día da Árbore


O alumnado da escola infantil de San Sadurniño transplantou unha maceira con axuda da AGFA do Eume

Faltan aínda dous meses para o 21 de marzo, Día Internacional dos Bosques, que en moitos lugares -entre eles San Sadurniño- é tamén o día elixido para celebrar o Día da Árbore. En 2024 esta data serviu de escusa para plantar varios exemplares autóctonos ao pé da capela de San Cristovo, en Ferreira, con axuda das nenas e nenos da parroquia. E neste 2025 a cousa irá polo mesmo camiño, coa diferencia de que serán as crianzas da Escola Infantil Municipal Rolada quen se impliquen na plantación dunha maceira na horta de conservación xestionada pola AGFA do Eume.

O presidente da asociación de produtoras e produtores de froita autóctona, Ignacio Bellas Castro, levou á escola un pé de mazá Príncipe recén sacado do viveiro co obxectivo de que as nenas e nenos descubran durante as próximas semanas unha chea de cousas sobre as plantas e árbores.

Aproveitando a raiola e a caloriña do sol, as nenas e nenos da escola infantil saíron ao patio do xardín municipal para participar nunha primeira actividade que consistiu no transplantado da maceira. Foron elas e eles quen puxeron a pequena árbore nun testo, quen lle botaron terra e quen a regaron, experimentando desta maneira a sensación de tocar distintas texturas e tamén aprendendo (cunha explicación axeitada á súa curta idade) por que son tan importantes a terra e máis a auga para o crecemento das plantas.

A idea é que de que dentro de dous meses a maceira estea nas condicións ideais para ser transplantada de novo no seu emprazamento definitivo na horta de conservación de froiteiras autóctonas Carlos Fornos, xestionada pola AGFA do Eume.

O alcalde, Secundino García, e a concelleira de Cultura, Ara Bellas, acompañaron ás nenas e nenos e ao presidente da entidade nesta actividade “moi relacionada cos valores ambientais que queremos inculcarlle á rapazada”, apunta Bellas, mentres que o rexedor destacou o “grande labor educativo” que se desenvolve na EIM A Rolada “procurando que as nenas e nenos coñezan o medio e estean en contacto coa natureza sempre que poden”.

Deja un comentario