Friday 17 de January de 2025

O Concello comeza os traballos de creación dunha pista multideporte no barrio dos Rosales


Contará con ata catro superficies de xogos para fútbol sala, balonmán, baloncesto ou voleibol

O Concello da Coruña comezou esta semana as primeiras tarefas para crear unha nova pista multideporte no barrio dos Rosales. Esta infraestrutura será de acceso libre e é froito do compromiso da alcaldesa, Inés Rey, coa veciñanza, coa que se comprometeu a desenvolvela.

A pista construirase en dúas parcelas de titularidade municipal que están situadas entre a estrada dos Fortes e a rúa Simón Bolívar, camiño do monte de San Pedro. Esta nova infraestrutura acollerá catro superficies de xogo, habilitadas para practicar fútbol sala, baloncesto, minibaloncesto e voleibol.
A instalación contará cun sistema de iluminación, peches perimetrais e tamén interiores, que permitirán independizar espazos e, polo tanto, evitar a interferencia entre as persoas que estean a usar unha pista ou outra. Na contorna da pista tamén haberá unhas bancadas ideadas como un espazo de lecer para as e os usuarios. Ademais, habilitaranse dous accesos peonís desde a estrada dos Fortes, adaptados a persoas con mobilidade ou visibilidade reducida.
“Este novo espazo sumarase á extensa rede de instalacións deportivas municipais que, baixo o Goberno de Inés Rey, non para de medrar e mellorar, como puidemos comprobar estas últimas semanas na Cidade Deportiva da Torre ou no polideportivo de Labañou”, indicou Manuel Vázquez, concelleiro de Deportes. Ademais, o edil destacou que moi pronto estará en marcha o novo Plan director de instalacións e equipamentos deportivos, que permitirá adecuar e mellorar os espazos deportivos de titularidade municipal e establecer unha folla de ruta que determine as futuras necesidades da cidade neste eido.

Deja un comentario