Friday 17 de January de 2025

A Ría da Estrela presentará en FITUR o seu primeiro catálogo comercial de peregrinacións marítimas a través da Ría de Muros Noia


A feira internacional acollerá tamén a presentación de “Volta de Gloria”, o primeiro itinerario cultural e paisaxístico circular baseado en dúas Rutas Xacobeas: o Camiño de Fisterra Muxía e o Camiño da Ría de Muros Noia

A Ría da Estrela escolleu FITUR, o certame internacional de turismo máis importante por volume de participantes e asistentes, para presentar dúas importantes novidades da súa oferta turística: o primeiro catálogo de peregrinacións marítimas a través da Ría de Muros Noia e “Volta de Gloria”, o primeiro itinerario cultural e paisaxístico circular baseado en dúas Rutas Xacobeas (o Camiño de Fisterra Muxía e o Camiño da Ría de Muros Noia).

Dúas novidades que serán presentadas os próximos 23 e 24 de xaneiro no marco dun recinto feiral con 9.500 empresas participantes, procedentes de 156 países, e polo que pasarán máis de 150.000 visitantes profesionais. “O ano pasado presentamos a nosa marca, a Ría da Estrela, e neste 2025 comezamos a prepararnos para o Xacobeo 2027 lanzando en FITUR dúas grandes apostas en colaboración con outros destinos e institucións de Galicia. Por unha banda, o primeiro catálogo comercial do Camiño Marítimo a Santiago da Ría de Muros Noia, con propostas dos tres operadores que apostan polo noso Camiño. E, por outra, a Volta de Gloria, o primeiro gran itinerario cultural e paisaxístico baseado en dúas rutas xacobeas, en colaboración coas asociacións turísticas da Costa da Morte e da Ría da Estrela, así como cos Concellos de Carnota, Cee, Dumbría e Muros”, explica Santiago Freire, presidente da Ría da Estrela.

Catálogo comercial

O catálogo de peregrinacións marítimas a través da Ría de Muros Noia ofrece unha maneira diferente de facer o Camiño de Santiago nestes tempos, pero que durante séculos foi a máis utilizada tanto por peregrinos do norte de Europa como dos países mediterráneos: navegando. “Son moitos os camiños e maneiras para peregrinar a Santiago, pero poucos tan emocionantes como o que transcorre por mar. Imaxina entrar na Ría de Muros Noia navegando cos teus amigos e amigas a bordo dun veleiro, rememorando a travesía que seguiron milleiros de peregrinos dende os tempos da Segunda Cruzada. É unha experiencia inesquecible”, apunta Freire Abeijón.

Esta travesía está amparada pola Oficina do Peregrino, polo que basta con completar 90 millas náuticas en veleiro, selar a credencial do peregrino nos portos que marque a ruta e realizar a pé cando menos os 12 últimos quilómetros entre Bertamiráns e Santiago para obter a Compostela. Así, a Ría da Estrela presentará en FITUR tres maneiras distintas para realizar esta peregrinación marítima a Compostela, en colaboración coa navieira Sailway, coa Asociación de Clubs Náuticos de Galicia (ASNAUGA) e co Monte Real Club de Yates de Baiona. As tres propostas son:

1- O Camiño marítimo a Santiago con Sailway é unha experiencia de catro días con saída do Monterreal Club de Yates de Baiona ata o Real Club Náutico de Portosín. Trátase dunha travesía de tres días navegando a vela que percorre os idílicos paisaxes das Rías Baixas: Illas Cíes, Combarro, Sanxenxo, Pobra do Caramiñal, Muros, Noia e Portosín. Sailway é unha naviera de chárter náutico cunha gran e moderna flota, polo que permite ao peregrino alugar un dos seus veleiros, con patrón ou sen el, e personalizar a experiencia. Ademais, programa saídas mensuais nas que é posible alguar un camarote dun veleiro, unha opción ideal para realizar unha viaxe só, en parella e coñecer a xente nova.

2- A Travesía Náutica Xacobea con ASNAUGA ofrece dúas rutas en veleiro, propio ou alugado, percorrendo os clubs náuticos de Galicia distinguidos coa Q de calidade turística e que apostan pola atención ao navegante, ademais de contar cuns restaurantes que figuran entre os mellores de Galicia. O Roteiro Sur ten unha duración de entre 3 e 4 días polos clubs náuticos de Baiona, Vigo, Rodeira, Sanxenxo, Portonovo, Ribeira e Portosín. O Roteiro Norte ten unha duración de entre 4 e 6 días, dependendo do porto de saída escollido: Ares ou Ribadeo. Inclúe visitas aos clubs náuticos de Sada, A Coruña e Portosín.

3- A Ruta Rías Baixas – Camiño de Santiago Ría Muros Noia, cuxa próxima edición terá lugar entre o 1 e o 6 de xullo de 2025, froito da colaboración entre o Monte Real Club de Yates de Baiona e o Real Club Náutico de Portosín. Neste caso trátase dunha oferta totalmente diferente, xa que é unha navegación en grupo de ata 30 embarcacións nun ambiente de compañeirismo e camaradería. Unha experiencia lúdica e gastronómica navegando por algunhas das máis belas paisaxes de Galicia: roteiro interior polas Illas Cíes, parada na Illa de Ons, ruta polo interior da Ría de Arousa e percorrido polo Faro de Corrubedo, o Mar de Fisterra, o Castro de Baroña e a Ría de Muros Noia.

Este Catálogo de peregrinacións marítimas a través da Ría de Muros Noia 2025 será presentado en FITUR o próximo xoves 23 de xaneiro polo presidente da Ría da Estrela, Santiago Freire Abeijón, quen estará acompañado por representantes da Xunta de Galicia e dos tres operadores que apostan polo camiño marítimo a Santiago: Sailway, ASNAUGA e do Monte Real Club de Yates de Baiona. A iniciativa será dada a coñecer aos medios de comunicación no stand de RV Edipress, ás 13:00 horas, e no stand de Galicia ás 16:10 horas, nun acto retransmitido vía streaming a través da páxina de Facebook da Ría da Estrela.

Volta de Gloria

Un día despois, o venres 24 de xaneiro, ás 14:30 horas, terá lugar a presentación de Volta de Gloria aos medios de comunicación, no stand de RV Edipress no pavillón 9 de FITUR, a carón do stand de Galicia. Nesa ocasión, a presentación correrá a cargo de Freire Abeijón, as alcaldesas de Cee, Margarita Lamela, e Muros, María Lago; e os alcaldes de Carnota, Juan Manuel Saborido, e de Dumbría, Raúl González, xunto a Antón Pombo, experto nos Camiños de Santiago.

O presidente da Ría da Estrela remarca que “estamos falando dun itinerario turístico, paisaxístico e cultural único no mundo. Por unha banda, é o primeiro que vincula dúas rutas xacobeas como son o Camiño de Fisterra Muxía e o Camiño da Ría de Muros Noia. Por outra, conforma o primeiro itinerario circular con saída e chegada en Santiago de Compostela e que se pode afrontar en sete ou dez etapas”. Para esa conexión utiliza tramos da futura senda litoral de Galicia e outros traxectos que destacan polos seus impresionantes valores culturais e paisaxísticos.

Así, a Volta de Gloria discorre por impresionantes monumentos naturais, entre os que figuran dous dos montes máis míticos de Galicia: o Monte Pindo, coñecido como o “Olimpo Celta”, e o Monte Louro, que conforma un espectacular conxunto natural coa lagoa das Xalfas e a praia de Area Maior. Canda eles figuran moitos atractivos turísticos como a fervenza do Ézaro en Dumbría, a única de Europa que verte directamente ao mar; ou a praia máis longa de Galicia, emprazada en Carnota canda algúns dos hórreos máis grandes da comunidade.

Un percorrido entre Cee e Muros sinalizado grazas á financiación do GALP Costa Sostible e que é rico tamén en pegadas arqueolóxicas (petróglifos, mámoas, castros), paisaxes espectaculares e enclaves singulares, como a Caseta de Pepe do Cuco de Carnota, o primeiro museo automatizado de Galicia con acceso libre 24 horas ao día todos os días do ano que recolle a historia mariñeira do municipio.

A idea da Volta de Gloria naceu da conversa entre dous especialistas da recuperación do Camiño de Santiago desde o movemento asociativo, José Antonio de la Riera e Antón Pombo, que pensaron en ofrecerlles aos peregrinos que chegaban a Fisterra a posibilidade de retornar a Compostela seguindo a costa a pé e contemplando lugares máxicos como o Monte Pindo, a Fervenza do Ézaro ou o Monte Louro, entre outros, para enlazar co Camiño da Ría de Muros Noia ata a praza do Obradoiro de Santiago.

Deja un comentario