O Concello volve dotar de persoal a esta instalación, que levaba pechada dende finais do verán.
O Concello de Ponteceso anuncia con gran satisfacción a reapertura do Museo de Arte Contemporánea da Costa da Morte, que volverá abrir as súas portas a partir do próximo luns, 3 de febreiro. Esta reapertura é especialmente significativa, pois o museo levaba pechado dende finais do verán, tras uns meses de apertura durante as mañás. Grazas ao compromiso do goberno municipal, que vén de asignar unha nova persoa para garantir o seu funcionamento, será posible que a veciñanza e visitantes volvan gozar deste importante espazo cultural.
Durante o período comprendido entre o 3 de febreiro e o 11 de abril, o museo estará aberto os martes, mércores e xoves en horario de mañá, de 10:00 a 14:00 horas. Os venres, ademais dese horario, tamén se poderá visitar pola tarde, de 16:00 a 20:00 horas. O acceso será de balde, reafirmando así o compromiso do Concello de Ponteceso coa democratización da cultura e o acceso público ao patrimonio artístico.
As visitas de grupos deberán ser reservadas a través da sede electrónica do Concello de Ponteceso, dispoñible na páxina web https://sede.ponteceso.gal. Para calquera dúbida ou información adicional, os interesados poden contactar co museo chamando ao 881 98 46 65.
Con esta reapertura, o Museo de Arte Contemporánea da Costa da Morte recupera o seu papel como punto de encontro para a creación e a difusión cultural na comarca, ofrecendo unha nova oportunidade para descubrir as riquezas artísticas que atesoura. Desde o Concello de Ponteceso convídase a toda a cidadanía a achegarse e desfrutar deste espazo renovado, que volverá a ser un referente cultural para toda a Costa da Morte.
Deste xeito, o goberno local busca darlle continuidade ás visitas no museo, para que tanto a veciñanza como os visitantes poidan desfrutar del durante todo o ano.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.