Thursday 16 de January de 2025

Nova edición do programa “Andares por Galicia” organizado polo Concello de Oleiros


O Concello de Oleiros organiza para esta edición do programa Andares por Galicia, a cultura da natureza 9 rutas, sete para maiores de 18 anos e dúas rutas familiares para crianzas de educación primaria en adiante acompañas polos seus pais/nais ou titores legais.

O vindeiro mes de febreiro dará comezo o programa Andares por Galicia, a Cultura da Natureza, organizado polo Concello de Oleiros coa Ruta da fervenza do Toxa ao Mosteiro de Carboeiro e entroido dos Xenerais do Ulla (22 de febreiro).

As rutas previstas para esta edición son as seguintes:
• 22 febreiro :Ruta da Fervenza do Toxa ao Mosteiro de Carboeiro e Entroido dos Xenerais do Ulla.
• 29 marzo: Ruta pola Costa Ártabra: do faro de Meirás á praia de Santa Comba.
• 26 abril: Ruta polos viñedos e olaría da Ribeira Sacra do Cabe e o Sil.
• 10 maio: Ruta familiar: ruta circular da Insua e Praia de Ariño- Camariñas.
• 31 maio: Ruta polo courel: da Devesa da Rogueira á Seara e Fervenza de Vieiros.
• 28 xuño: Ruta por Rianxo: do alto da muralla e río Té ata Rianxo.
• 27 setembro: Ruta polos Ancares: subida a Tres Bispos desde Campa da Braña e Avesedo de Donís.
• 11 outubro: Ruta familiar: ruta da Fraga aos Muíños- Mesía.
• 25 outubro: Ruta pola costa do Vicedo na mariña lucense.

Este programa céntrase en descubrir as características máis importantes a nivel natural, social e cultural da nosa terra e xerar conciencia de coidado e protección do patrimonio natural e cultural. Así mesmo trata de promover a convivencia e a socialización do grupo de participantes nun ambiente aberto e favorecer hábitos saudables de ocio no medio natural. O programa combina actividades de sendeirismo en espazos naturais, -tanto de costa coma de interior-, con visitas a museos ou outros lugares de interese cultural, histórico ou patrimonial.

As preinscricións realizaranse preferentemente na Sede electrónica/catálogo de trámites/cultura dúas semanas antes de cada unha das rutas. No caso de que algunha persoa non lle sexa posible realizala así, poderá facelo na Fábrica en horario de mañá de 10.00 a 14.00 horas. Ocuparanse as prazas por rigorosa orde de solicitude e terán preferencia as persoas empadroadas no Concello de Oleiros.

Para obter máis información sobre esta ruta e o conxunto do programa é posible dirixirse ao Departamento de Cultura do Concello de Oleiros, situado no centro cultural A Fábrica, ben fisicamente ou a través do teléfono 981 636 598 ou do correo electrónico r.caparros@oleiros.org.

Deja un comentario