O alumnado do curso de posgraduado elaborará un plan de acción para o Centro Municipal para o Clima e a Enerxía Sostible Fernando Roade
O Concello colaborará na vindeira edición do Curso de Experto en Sostibilidade e Innovación Social (CESIS) que desenvolve a Universidade da Coruña (UDC) xunto a Inditex, que chega á súa décimo cuarta edición, presentada esta tarde na sala do Decanato da Facultade de Economía e Empresa.
Desde a súa posta en marcha, máis de 360 alumnas e alumnos pasaron xa por este curso de posgraduado ou máster, orientado á formación en materia de desenvolvemento sostible, unha liña de traballo compartida polo Goberno de Inés Rey nas súas políticas medioambientais a escala municipal.
Como parte dos traballos que as e os participantes teñen que realizar está un proxecto de aprendizaxe-servizo no que se analiza unha proposta presentada por unha entidade colaboradora para a que hai que deseñar un plan de acción vinculado á sostibilidade ou a responsabilidade social corporativa.
Neste sentido, e no referente a este curso, desde a Concellaría de Medio Ambiente propúxoselles ás persoas integrantes do máster que expoñan unha redefinición do Plan de usos e comunicación do Centro Municipal para o Clima e a Enerxía Sostible Fernando Roade. “Nesta instalación municipal atópase a planta de produción de biogás da antiga entulleira de Bens, que está a chegar ao final da súa vida útil”, explicou a concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira.
“A redefinición dos usos do centro municipal permitirá contar cunha instalación singular que sirva para que A Coruña siga sendo referente na innovación, investigación e divulgación da aposta polas enerxías sostibles e a loita contra o cambio climático, e a achega do alumnado do CESIS ao deseño que levará a cabo o Concello no futuro será de gran valor”, engadiu.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.