Os títulos foron seleccionados polas técnicas municipais de Igualdade e están adaptados ás idades do alumnado do instituto e dos colexios.
Na Laracha a mesa de traballo sobre coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero nos sectores da sanidade e do ensino reúnese con carácter trimestral para analizar a situación do municipio, establecer protocolos de actuación ante a deteccións de posibles casos desa natureza e, entre outros contidos, propoñer actividades e iniciativas a levar a cabo para concienciar, formar e sensibilizar á cidadanía sobre dita problemática social.
Froito desas reunións de traballo -nas que están representados o Concello, os centros de ensino, o centro de saúde da Laracha e as Forzas e Corpos de Seguridade-, xurdiu o proxecto Mochilas Viaxeiras que hoxe se puxo en marcha.
Mochilas Viaxeiras comezou coa cesión por parte do Concello aos centros de ensino de dous lotes compostos por material bibliográfico sobre igualdade adaptado ás idades do alumnado. É por iso que unha das mochilas permanecerá a disposición da comunidade educativa do alumnado de secundaria e bacharelato de xeito permanente no IES Agra de Leborís, mentres que a outra será itinerante para facer uso dela de xeito rotatorio nos CEIPs Otero Pedrayo, Alfredo Brañas e Caión.
A selección dos títulos foi realizada polas técnicas municipais de Igualdade en coordinación coas profesionais dos centros educativos. Nos libros abórdanse cuestións como a tolerancia, o respecto, a rotura de estereotipos e, no caso do material entregado ao instituto, tamén a violencia sexual.
No acto de entrega das Mochilas Viaxeiras o alcalde, José Manuel López Varela, apuntou que a intención do Concello é darlle continuidade á iniciativa aumentando o material ao longo dos próximos anos. Tamén estiveron presentes no Salón de Plenos a concelleira de Igualdade, Rocío López; a directora do Centro de Información ás Mulleres (CIM), Ana Aldao; a técnica de Igualdade, Alba Varela; a directora do IES Agra de Leborís, Marta Rodríguez; a directora do CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco, Agripina Alfeirán; o director do CEIP de Caión, José Roca; e a orientadora do CEIP Otero Pedrayo da Laracha, Sandra Casar.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.