Wednesday 15 de January de 2025

O plan de mellora das escolas unitarias chegou este curso a Sísamo


O Concello de Carballo tamén acometeu a reforma integral da antiga escola de Gontade-Ardaña para convertela en centro de educación especial

O Concello de Carballo quere poñer en valor as escolas unitarias a través dun plan de mellora destes históricos edificios que se leva a cabo de xeito gradual e sempre en coordinación co equipo directivo e docente do CRA Ponte da Pedra.

Despois das actuacións realizadas nos últimos anos en escolas como as de Cances ou Mirón-Bértoa, onde está previsto completar a actuación nos vindeiros meses coa instalación dunha pequena cuberta, este curso os nenos e nenas escolarizados en Sísamo gozan dun edificio renovado tras os traballos de pintado exterior e interior, substitución das ventás e da carpintaría interior e illamento das fachadas, cun investimento superior aos 40.000 euros. O resultado: un centro de traballo e estudo moito máis confortable, como puideron comprobaron o alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de Educación, Mar Eirís, e o concelleiro de Planificación, Juan Seoane.

O CRA Ponte da Pedra está integrado por sete escolas: Verdillo, Cances, Sísamo, Artes, A Rega e Mirón (Bértoa) e Xoane (Goiáns), que será a seguinte en someterse a unha reforma en profundidade.

Este curso tamén entrou sen servizo o centro de educación especial xestionado pola entidade Lenda Educativa en Gontade (Ardaña), unha antiga escola unitaria que foi reformada por completo seguindo as indicacións da Consellería de Educación para poder destinala a este novo uso educativo. Despois do investimento realizado polo Concello de Carballo, que superou os 70.000 euros, en xuño do 2024 a Xunta de Galicia autorizou a apertura do centro concertado, que conta con tres unidades e fai posible que o alumnado con necesidades educativas especiais estea escolarizado ata os 21 anos.

Aínda que a práctica totalidade das escolas que foron pechando vanse reconvertendo en centros sociais abertos a toda a veciñanza, outras conservan usos relacionados coa educación, como é o caso da situada na praza de Alfredo Brañas, na zona urbana de Carballo, que é actualmente sede do CRA Ponte da Pedra e que tamén foi acondicionada nos últimos meses.

Deja un comentario