Despois de case dúas décadas de abandono, a estrutura de Salgueiriños inicialmente pensada para albergar o parque comarcal de bombeiros transformarase nun equipamento deseñado para atender as necesidades e as demandas da mocidade de Santiago. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou hoxe o anteproxecto da denominada “Factoría Moza”, “un edificio que concibimos como unha ferramenta para facer de Compostela a capital da xuventude e situarnos na vangarda das políticas públicas dirixidas aos mozos e mozas, porque apostar por elas é o mesmo que apostar polo futuro de Santiago”.
A tenenta de alcaldesa, acompañada polo persoal técnico do departamento de Xuventude, explicou que unha vez decidido, atendendo a razóns operativas e de seguridade, que o futuro parque de bombeiros se construirá en Meixonfrío, o Goberno “viu as potencialidades da estrutura de Salgueiriños para ofrecerlle uns servizos á mocidade que non podemos facilitar, por falta de espazo, desde o Centro Xove da Almáciga”. María Rozas lembrou que en Santiago están empadronados preto de 9.000 mozos e mozas de entre 15 e 35 anos, e son 23.000 os que están matriculados na USC: “trátase dun grupo poboacional moi importante, habitualmente bastante esquecido polas administracións, cando é precisamente dos mozos e mozas de quen depende o noso futuro colectivo”.
Proposta arquitectónica
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude salientou que con esta proposta “a vontade do Goberno é tamén mudar un espazo degradado, cunha imaxe case apocalíptica despois de case vinte anos coa estrutura de Salgueiriños sen rematar”. María Rozas explicou que, tras avaliar o estado do esquelete e as súas potencialidades, chegouse a un anteproxecto que fala dun edificio cunha superficie construída de case 4.500 metros cadrados, distribuídos en tres plantas.
Ese espazo permitirá que a Factoría Moza atenda a diferentes áreas temáticas. Así, haberá unha zona pensada para a música, con ata sete salas de ensaio e gravación, “fronte ás tres actuais da Almáciga nas que é difícil atender toda a demanda”, e cunha sala de concertos con capacidade para unhas 600 persoas. Unha segunda zona do edificio de Salgueiriños será para formación, asesoramento e estudo, con aulas, unha biblioteca integrada na rede municipal, espazos para obradoiros, e despachos nos que se prestará asesoramento sobre temas de interese para a mocidade como saúde mental ou educación sexual. A terceira área temática é a da actividade física, con zona para practicar danza, ximnasio e tamén un espazo maker; e a cuarta é a zona de traballo tipo coworking, que terá acceso independiente desde o exterior do edificio. Por último, haberá unha área de lecer e interacción social, nun gran espazo central a modo de praza cuberta, e con zonas para a práctica do skate e outras disciplinas vinculadas á cultura urbana. María Rozas quixo destacar as posibilidades de ocio que ofrecerá a Factoría Moza, “porque vivimos nun modelo no que é difícil aos mozos e mozas atoparen alternativas que non vaian vencelladas aos centros comerciais ou ao consumo”. A tenenta de alcaldesa tamén salientou que o anteproxecto mantén a gran torre da estrutura de Salgueiriños, que ademais de conectar diferentes plantas servirá de miradoiro e como soporte para anunciar os eventos que se vaian producindo no edificio, “ao tempo que será un elemento que conserve a memoria do propio equipamento e da súa historia”.
Financiamento
María Rozas explicou que os orzamentos municipais de 2025 incorporan a partida necesaria para a redacción do proxecto da Factoría Moza, que o Goberno incluirá na proposta da EDIL, a Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local vinculada a fondos europeos. A concelleira sinalou que o anteproxecto apunta a un orzamento superior aos 4,5 millóns de euros “un investimento moi importante porque falamos dun proxecto moi ambicioso, e polo tanto tamén estamos a traballar na procura doutras vías de financiamento”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.