Un total de 34 persoas participan no proceso selectivo, convocado polo Concello de Neda, para crear unha lista de persoal aspirante a funcionario interino ou persoal laboral temporal de prazas de oficial mantemento- conserxe. Unha vez completada a fase de concurso, o próximo día 30 de xaneiro terá lugar o primeiro dos exames da oposición.
A convocatoria permitirá á administración local dotarse dunha lista de emprego da que tirar para a cobertura destes postos, de forma temporal, no caso de vacantes, baixas, vacacións, exceso ou acumulación de tarefas, ou a execución de programas de carácter temporal.
As bases da convocatoria recollen como posibles funcións a desenvolver a apertura, peche e control do acceso a dependencias municipais; tarefas de auxilio á función administrativa; a xestión do taboleiro de anuncios; a clasificación do correo, recepción e inventario de produtos; atención ao público, e tarefas de mantemento e acondicionamento de edificios municipais (nocións básicas de carpintería, fontanería, xardinería)
As persoas candidatas- 26 homes e 8 mulleres- tiveron ocasión de sumar puntos, grazas á experiencia previa e á formación específica acumulada, e agora deberán superar a oposición, que arrancará coa proba teórica o 30 de xaneiro, a partir das 12 horas, no centro cívico de Neda. En total, terán que superar tres exercicios (un tipo test, un exercicio práctico e a proba de coñecemento do galego, no caso de non acreditar o coñecemento da lingua).
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.