Wednesday 15 de January de 2025

O Concello comeza a restauración da porta principal do cemiterio de San Amaro


Os traballos realizaranse con métodos tradicionais de forxa e recuperando ao máximo os elementos orixinais

O Concello comezou a restauración da porta principal que dá acceso ao cemiterio municipal de San Amaro. A porta instalouse en 1833 con motivo da primeira ampliación do camposanto debido ao aumento da mortalidade por mor dun brote de cólera e da prohibición dos enterramentos parroquiais. O deseño da ampliación incluía tamén un osario e unha capela e o traslado do acceso principal desde o eixe central do camposanto a un dos laterais, que é a súa localización actual.
“O Goberno de Inés Rey é consciente da importancia de intervir no patrimonio para garantir a súa conservación e por iso iniciamos estos traballos nun espazo icónico da cidade e do barrio de Monte Alto”, indicou Yoya Neira, concelleira de Medio Ambiente. A porta é de ferro forxado de dúas follas, mainel e arco superior, cunhas dimensións de 2,45 m de ancho e 4,40 m de alto. Está embebida nun pano de cachotería e marco ou corpo de entrada de cantería con frontón triangular e motivos decorativos tales como inscricións, escudos, relevos e baixorrelevos ou pináculos.

A restauración estará a cargo de dous oficios. Nestes momentos, a porta foi trasladada ao taller dos ferreiros artesáns que se van encargar dos traballos de cerrallería e de solucionar diferentes problemas como a deslaminación por corrosión, perda de material, roturas ou flexión por comportamentos mecánicos inadecuados. Por outra banda realizaranse traballos de restauración da cantería do corpo principal de entrada ao cemiterio realizados por canteiros e un restaurador e que se farán in situ.
As obras de restauración da porta adxudicáronselle por un prezo de 44.737,81 euros, IVE incluído, á empresa Forxa Chago, o taller que dirixe o compostelán Santiago Martínez, galardoado recentemente polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) co III Premio ‘Arquitectura para un mundo mellor’. Ao longo da súa carreira traballou nos elementos deforxa de monumentos como a Catedral de Santiago, onde fixo intervencións no ciborio, a Porta Santa, a fachada do Obradoiro, a Torre do Reloxo, o Botafumeiro ou a cripta. Está previsto que os traballos teñan unha duración de dous meses.

Deja un comentario