— A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visita o centro, o único de Galicia que desenvolve este programa
— Destaca os intercambios impulsados polo Goberno galego con institutos franceses, nos que o curso pasado participaron máis de 350 alumnos
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visitou hoxe os 32 alumnos do programa de dobre titulación de Bacharel e Baccalauréat (Bachibac) no Instituto IES Plurilingüe Xosé Neiras Vilas, ao que felicitou pola súa implicación nestas ensinanzas, que imparten desde hai unha década.
O centro de Oleiros é, de feito, o único de Galicia que desenvolve este programa, que permite ao alumnado obter tanto o título de Bacharelato español como o Diplôme du Baccalauréat francés, unha aprobado o exame oficial do programa. Isto facilita o acceso tanto á universidade española como á francesa.
Para iso, os estudantes cursan un terzo do horario lectivo habitual en francés, en materias como Filosofía, clase á que asistiu esta mañá a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP. Ademais, asisten a dúas materias adicionais específicas do currículo deste programa: Lingua e literatura francesa e Historia de España e Francia.
Acreditación e intercambio
A directora xeral recordou que, ademais deste programa, a Xunta de Galicia facilita ao alumnado galego o acceso ás probas de acreditación do DELF Escolar (Diplôme d’Études en Langue Française), nas que a nosa Comunidade ocupa o 4º posto en España no que se refire ao número de participantes.
Ademais, máis de 350 alumnos participaron o pasado curso en intercambios de estudantes con institutos franceses a través dos programas EduFrance, EduMob e PicassoMob, impulsados pola Xunta de Galicia.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.