Wednesday 15 de January de 2025

San Sadurniño adxudica en 85.789 euros as obras de ancheado e aglomerado da pista dos Currás


A estrada é o principal enlace da zona urbana co campo de fútbol e a piscina municipal

 

O Concello de San Sadurniño asinou recentemente o contrato para a execución das obras de mellora da pista que enlaza o Campo da Feira coa área deportiva dos Currás. Un proxecto que consistirá no ancheado da estrada, o soterrado das canalizacións e na extensión dunha nova capa de aglomerado que incremente a durabilidade e a seguridade de todo este eixo viario, un dos máis utilizados da zona urbana de San Sadurniño, sobre todo nas fins de semana e no verán. Da obra encargarase a empresa José No Mantiñán en Hijos Construcciones S.A. tras impoñerse a outras dúas ofertas cunha proposta de 85.789 euros, o que supón unha rebaixa de 5.500 euros do prezo base da licitación.

A pista sobre a que se vai intervir comeza no cruzamento da Capela do Belén -no Campo da Feira- e chega até o aparcadoiro das instalacións dos Currás cubrindo un trazado de 840 metros de lonxitude polo que se serven diariamente as veciñas e veciños dunha vintena de vivendas, ademais de moitas persoas usuarias do campo de fútbol e, no verán, tamén da piscina municipal.

Foi precisamente o uso intensivo deste acceso nos últimos anos o que propiciou a aparición de baches e irregularidades e tamén a razón de que o Concello apostase por un proxecto que fose máis aló dunha simple reparación. De aí que se deseñase unha actuación para cambiar o firme por outro máis duradeiro e tamén para incrementar o ancho actual, “que permita que dous coches se crucen sen ter que facer demasiada manobra”, tal e como explica o alcalde, Secundino García. O rexedor lembra, ademais, que o arranxo “moi necesario” desta pista foi tamén “unha petición veciñal á que agora lle imos dar resposta”.

Na redacción do proxecto explícase que, en xeral, o firme presenta un bo estado estrutural e só en determinados puntos empeza a mostrar sinais evidentes de desgaste. Ademais tamén se apunta que ao longo do trazado é necesario igualar a planimetría, co obxectivo de darlle maior regularidade e, de paso, un ancho uniforme.

Así, a obra, “de comezo inminente”, asegura García Casal, iniciarase coa limpeza de toda a superficie da calzada e tamén dos sedimentos acumulados en cunetas e taxeas. Posteriormente sanearanse os despefectos e, por último, botarase unha nova capa a base de aglomerado asfáltico de 5 centímetros de grosor.

A pista ganará 45 centímetros por cada lado, pasando de 3,5 a 4,4 metros. Ese sobreancho obrigará a soterrar parte da cuneta na zona máis elevada, para o que será preciso instalar novas tubaxes e rexistros. Ademais tamén se prevé nivelar correctamente os puntos que dan acceso ás viviendas e fresar unha pequena parte do pavimento ao pé da capela para que o abano de enlace con Marqués de Figueroa sexa imperceptible.

A obra, orzamentada en 91.355,80 euros, impostos incluídos, adxudicouse finalmente en 85.789, que se financiarán con cargo a un dos plans adicionais de 2024 da Deputación da Coruña.

Deja un comentario