A iniciativa foi apoiada por todos os grupos que forman a corporación municipal a excepción de APIN, que optou pola abstención sen argumentar a súa postura.
O pleno do Concello de Ponteceso, reunido en sesión extraordinaria o luns 13 de xaneiro, deu luz verde a destinar a totalidade do POS Adicional da Deputación da Coruña a financiar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Deste xeito, dedicaranse os 73.821,40 euros a unha iniciativa esencial nun concello eminentemente rural e que conta cunha poboación envellecida.
A iniciativa saíu adiante co apoio de todos os grupos políticos a excepción de APIN, que decidiu non apoiar a proposta do goberno local e optou pola abstención. Os outros cinco grupos presentes na corporación municipal comprenderon a necesidade de financiamento deste servizo, moi valorado pola veciñanza.
O grupo de goberno, encabezado alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, tomou esta decisión baseándose en informes da traballadora social como de Intervención, que indican a necesidade de dotar de máis orzamento a un servizo básico en Ponteceso e que inflúe directamente no benestar diario de moitos veciños e veciñas e as súas familias. Este argumento foi compartido e apoiado pola gran parte dos grupos políticos, a excepción de APIN, que se abstivo sen explicar os motivos do seu voto no pleno.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.