Esta actuación supuxo un investimento de case 85.000 euros
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), vén de rematar as obras de reparación do muro derrubado polo temporal nun tramo da estrada AC-550 ao seu paso polo Concello coruñés de Outes, concretamente, no punto quilométrico 64+800. Nesta zona leváronse a cabo actuacións urxentes da área afectada.
Esta actuación tivo un custe total de 84.700 euros e foi sufragado con cargo ao contrato de conservación integral de estradas autonómicas.
Por outra banda, no punto deteriorado realizouse unha actuación máis ampla no conxunto do muro, así, executáronse accións nun fronte de 27 metros e nunha altura de 10 metros e efectuouse un retranqueo de 6 m., co que se conseguiu un espazo libre para aparcadoiros de 5,5 metros de ancho.
Para levar a cabo dita obra precisáronse 110 m³ de formigón en cimentos; 750 m³ de recheo con material filtrante e 280 metros cadrados de muro de mampostería careada.
Estes traballos son un bo exemplo do esforzo que a Consellería de Infraestruturas está a realizar en materia de conservación de estradas, con actuacións que non só se limitan ás tarefas ordinarias de conservación, senón que ademais se complementan con obras de conservación extraordinarias.