O alcalde Pablo Lago explica que “decidimos destinar todo a gasto corrente porque as obras imos financialas con fondos propios xa que é a forma máis áxil de facelas. Porque para aprobalas na Deputación eternizámonos”
O Pleno municipal do Concello de Brión aprobou hoxe en sesión plenaria extraordinaria a proposta da Alcaldía do Plan Único de Concellos “POS+ 2025”, que destinará integramente os 686.181,76 euros a financiamento de gastos correntes do exercicio 2025. Así mesmo, acordou destinar os 265.838,85 euros do Plan Complementario 2025 á mellora do viario da aldea de Coruxido a Sabaxáns (Bastavales). Unha proposta que saíu adiante cos seis votos a favor do PSOE e coas seis abstencións de PP e BNG.
Estes 686.000 euros serán destinados a financiar gastos da recollida de lixo, alumeado público e mellora de parques infantís e xardíns. O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, explicou que “aproveitando que por primeira vez a Deputación o permite, decidimos destinar todo a gasto corrente porque as obras imos financialas nós con fondos propios xa que é a forma máis áxil de facelas. Porque para aprobalas na Deputación eternizámonos”.
Mellora da estrada entre Coruxido a Sabaxáns
Neste sentido puxo como exemplo desta lentitude administrativa a obra do Plan Complementario 2025, que é a mesma que xa fora aprobada o ano pasado: mellora do viario da aldea de Coruxido a Sabaxáns. E é que, como detallou o propio secretario municipal, entre a obtención das distintas autorizacións sectoriais por parte da Xunta de Galicia (Patrimonio, Augas de Galicia…) e os múltiples filtros postos pola Deputación, atrasou nun ano a súa saída a licitación, garantida agora que superou todos os trámites administrativos esixidos.
O proxecto inclúe a mellora da capa de rodaxe da estrada entre Coruxido e Sabaxáns, onde se actuará en sete treitos. En catro deles, que suman 1.110 metros de lonxitude, aplicarase un tratamento asfáltico superficial e rego de selado. Nos outros tres, que suman 2 quilómetros, procederase a aglomerar en quente. Ademais, melloraranse os cruces de auga a través da colocación de seis metros de marco prefabricado.
Na quenda de debate, o BNG xustificou a súa abstención na ausencia dunha consulta previa á oposición. O alcalde respondeu explicando que “cando se elaboren os orzamentos de 2025, reunirémonos todos os grupos municipais para acordar as obras que se van financiar con fondos propios”. Un compromiso celebrado polo grupo opositor, pero que mantivo a súa abstención.
Gasto social
O Pleno municipal tamén aprobou o POS+Adicional 2005 para o financiamento de gastos sociais extraordinarios por un importe de 71.690,63 euros. Uns cartos que serán destinados á contratación dun traballador social como persoal de reforzo por catro meses (13.000 euros), 18.000 euros para o Servizo de Axuda no Fogar e outros 40.000 euros para servizos de conciliación familiar. Unha iniciativa que foi aprobada cos seis votos a favor do PSOE e coas seis abstencións do PP e do BNG.
Finalmente, o Pleno tomou coñecemento da decisión de destinar 40.869,76 euros a reducir a débeda que o Concello de Brión ten coa Deputación pola utilización do préstamo provincial dos Plans de Aforro e Investimento (PAI) 2015 e 2016 e no POS+ de 2017. Deste xeito, a débeda do Concello de Brión pasará dos 638.455,66 euros, cuantificados a decembro de 2024, a 597.585,9 euros.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.