Destinaranse máis de 103.000 euros ao financiamento de gasto corrente, reforzar programas sociais e adquirir equipos informáticos e equipamento técnico asistencial.
O Pleno da Corporación municipal da Laracha foi convocado hoxe en sesión extraordinaria para tratar, como único punto da Orde do Día, a aprobación do POS+ Adicional 2025 para gastos sociais extraordinarios, que foi acordada por unanimidade.
Ao Concello da Laracha correspóndelle percibir un total de 103.032,94 a través dese programa da Deputación da Coruña, que serán repartidos en tres apartados.
O máis amplo é o do financiamento do gasto corrente, que ascende a 88.464,55 euros. O POS+ Adicional permitirá ampliar a dotación do fondo de emerxencia social, cubrir parte da achega municipal ao servizo de axuda no fogar na modalidade de dependencia e dispoñer de fondos económicos para outras medidas de carácter extraordinario que o departamento de Servizos Sociais considere imprescindibles e urxentes para atender ás persoas vulnerables ao longo do ano. O alcalde, José Manuel López Varela, tamén explicou que con estes fondos serán reforzados programas de carácter social que están a disposición da cidadanía larachesa, tales como o que pretende a prevención da soidade non desexada no rural, apoio familiar e complemento á educación a través de “Educa en Positivo”, os cursos de alfabetización e memoria, os obradoiros de uso do móbil e novas tecnoloxías e o programa de alfabetización para persoas inmigrantes “A Laracha Acolle”.
Os outros dous apartados serán dedicados a investimentos. A cantidade de 7.488,39 euros destinaríanse á adquisición de equipamentos informáticos que facilite e mellore a xestión do persoal municipal adscrito ao departamento de Servizos Sociais. E outros 7.080 euros terán por fin a adquisición de equipamento técnico asistencial que se porá a disposición daquelas persoas que o precisen e non dispoñan dos recursos económicos para poder adquirilos.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.