Goretti Sanmartín, en representación do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego, María Rozas, en nome do Grupo Municipal de Compostela Aberta, e Gonzalo Muíños, en representación do Grupo Municipal Socialista, asinaron este martes o acordo para osorzamentos municipais de 2025.
O portavoz do Grupo Municipal Socialista asegurou que o acordo vai “máis aló de números e cifras” supoñendo, na práctica, unha “folla de ruta a seguir para este 2025” con prioridades claras como a vivenda, o reforzo de persoal en determinados servizos -como Policía Local ou Bombeiros-, melloras nos equipamentos públicos da cidade así como accións para “abordar o desafío da saúde mental” . Para Gonzalo Muíños, alcanzar este acordo co goberno local supón demostrar “unha vez máis” que “temos palabra e que estamos comprometidos con Compostela”.
“Só podemos manifestar a nosa satisfacción por poder demostrar hoxe que a política serve para mellorar a vida das persoas” defendeu o edil socialista que reivindicou a capacidade de chegar a acordos “en tempos de bronca política e crispación”: “é o responsable, o útil e, ademais, o noso traballo como representantes cidadáns que somos”.
A alcaldesa Goretti Sanmartín destacou que este acordo é froito dun diálogo intenso e remarcou a vontade do Goberno e de todos os grupos que o subscriben por chegar a un acordo, poñendo por riba de calquera cuestión as necesidades da veciñanza de Santiago de Compostela, como xa aconteceu para acadar os orzamentos deste 2024. A alcaldesa subliñou, así mesmo, a importancia de contar por segundo ano consecutivo cun proxecto de orzamentos que permita ter unha folla de ruta para avanzar neste 2025 e seguir dando pasos cara adiante na mellora dos servizos de calidade, que é o que máis lle interesa á veciñanza compostelá.
“Trátase dun orzamento enfocado ás necesidades reais de Compostela, ambicioso mais equilibrado e na liña de modernizar esta Administración, de facela máis eficaz e de prestar servizos de calidade”, sentenciou Goretti Sanmartín, quen destacou os cinco eixes nos que pivotan os orzamentos: o social, a vivenda, a mellora do espazo público e das infraestruturas; un cuarto eixe de equipamentos e o quinto de sustentabilidade ambiental. “Eixos que teñen que ver con retos de futuro a medio prazo, que é o que guía os orzamentos”, incidiu.
Pola súa banda, a portavoz de Compostela Aberta e tenenta de alcaldesa mostrou a súa satisfacción por un acordo “que volve mostrar que os tres grupos de esquerdas da Corporación Municipal temos altura de miras e antepoñemos os intereses de Santiago a calquera outra consideración”. María Rozas incidiu na vontade de diálogo e na capacidade de chegar a acordos en prol do interese común “porque esta é a esencia da democracia, e temos que reivindicala fronte a un Partido Popular que de maneira recorrente cuestiona a lexitimidade do Goberno bipartito”.
A concelleira de CA explicou que o acordo de orzamentos “permitirá seguir impulsando políticas públicas progresistas e transformadoras, seguindo o mandato das urnas”. Tamén garanten, dixo, avances en cuestións como a igualdade de oportunidades, a diversificación económica, o emprego, a mobilidade sostible, os dereitos sociais, a vivenda, ou os servizos públicos de calidade. María Rozas mostrouse convencida de que os orzamentos serán “unha ferramenta eficaz para lograr un Santiago mellor”, da mesma maneira que os presupostos de 2024 permitiron avanzar cara unha Compostela máis social, con medidas concretas como o reforzo do contrato do Servizo de Axuda no Fogar ou o incremento das bolsas de comedor escolar, material e actividades extraescolares.
Os orzamentos municipais, que se achegan aos 146 millóns de euros, continuarán nas vindeiras semanas o correspondente procedemento de tramitación administrativa para seren finalmente aprobados no Pleno municipal.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.